Baltar trasladalle á Xunta unha proposta de aforro enerxético

Baltar_Francisco Conde_San Caetano

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Santiago co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para presentarlle unha proposta de colaboración entre a Xunta de Galicia e o goberno provincial ourensán centrada en medidas para mellorar a eficiencia enerxética dos concellos da provincia de Ourense. O documento contempla iniciativas recollidas no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da Deputación de Ourense, divididas en catro liñas de actuación: aforro enerxético, transformación da biomasa, enerxía xeotérmica e colaboración interinstitución da Xunta e da Deputación de Ourense co Inega, o Igape e as universidades galegas.

En opinión de Manuel Baltar “este plan forma parte dunha ampla estratexia posta en marcha pola Deputación de Ourense por acadar un Ourense máis ecolóxico e sostible, tendo como obxectivo final, ofrecer aos cidadáns servizos coa máxima excelencia medioambiental e conseguir aforros en custos”.

No que atinxe a aforro enerxético, Manuel Baltar propón a posta en marcha dun Plan Provincial de Optimización Enerxética para instalacións municipais -que xa se ven aplicando nas instalacións da Deputación de Ourense- co obxectivo de aforrar máis dun 10% en consumo de enerxía, tanto eléctrica como térmica, e reducir nun 8% as emisións de CO2, para continuar incrementando ese aforro en anos sucesivos e seguir desenvolvendo accións en favor do medio ambiente. Neste senso, as medidas que se poderían implementar refírense á unificación na contratación do subministro, as melloras técnicas, a renovación de equipos de iluminación convencionais por outros máis eficientes, e a implantación dun sistema de monitorización nos edificios para o control do consumo, que permitirá aos cidadáns comprobar en tempo real a través da web da Deputación os datos de consumos enerxéticos e as emisións de CO2.

Tralo éxito demostrado por este plan aplicado ás instalacións da deputación, o seguinte paso sería a posta en marcha dun Plan Provincial de Optimización Enerxética para os concellos da provincia, para estender a cooperación entre Xunta e Deputación a aqueles concellos que deleguen no ente provincial o labor de intermediación da devandita xestión en materia de enerxía. Isto permitirá unha mellor e máis eficiente xestión de tarifas enerxéticas, co conseguinte aforro que elo supón e que redundará nun mellor servizo aos cidadáns

BIOMASA

O segundo eixe de actuación refírese á transformación da biomasa, ámbito no que a Deputación de Ourense é pioneira na posta en marcha de proxectos sustentables en favor do medio ambiente como é o caso do Centro de Transformación de Biomasa Forestal, situado en Trasmiras, pioneiro nas súas características de procesado e tratamento da materia prima procedente da xestión forestal dos montes. Esta planta de biomasa conta cunha superficie de almacenaxe, báscula de pesaxe, oficinas, rede contra incendios, pala cargadora e criba, todo elo nunha nave industrial de 1.500 m2, e ten como característica singular o feito de estar dotada de tecnoloxía para a produción de astillas de diferentes calidades.

A Deputación de Ourense é consciente dos problemas existentes cos incendios forestais e por elo decidiu apostar pola tecnoloxía aplicada ás enerxías renovables para xestionar o residuo de biomasa forestal e contribuír coa limpeza dos montes e cunetas de estradas como medida preventiva contra o lume. De feito, o programa que desenvolve a Deputación neste sentido abrangue a rede viaria municipal que comprende uns 1.850 quilómetros.

A implantación e funcionamento de centros de biomasa supoñen unha aposta segura para o futuro medioambiental da provincia de Ourense, tanto no que atinxe á aplicación de políticas sostibles como á necesidade de crear un novo mercado na provincia que xire en torno ao sector das enerxías renovables, porque economía, medio ambiente e sostenibilidade poden convivir perfectamente. Neste senso, a proposta da Deputación de Ourense é a de crear unha rede de centros de procesamento biomasa estratexicamente distribuídos na provincia de Ourense, co fin de que a biomasa residual existente nas montañas e nas marxes da rede de estrada provincial, poida ser administrada como residuo e ser utilizada como materia prima para un sector industrial que proporciona numerosas vantaxes. Entre elas figura a limpeza de montañas para previr a aparición e propagación de incendios forestais, manter en bo estado a rede viaria provincial e establecer unha estrutura operativa a través destes centros de biomasa para garantir niveis de uso económico do bosque axeitado para o mantemento de ingresos para poboacións rurais. Tamén figuran entre estas vantaxes o impulso ao desenvolvemento da silvicultura e a explotación racional do bosque, ademais de promover actividades para o desenvolvemento sostible dos recursos naturais.


ENERXÍA XEOTÉRMICA

O terceiro apartado de colaboración que a Deputación de Ourense propón á Consellería de Economía e Industria está relacionado coa enerxía xeotérmica. Trátase de aplicar nas instalacións municipais un novidoso proceso que utiliza un sistema híbrido de enerxía xeotérmica e solar destinado a calefacción, que xa se está empregando nas instalacións do maior pavillón deportivo de Ourense, o Pazo dos Deportes “Paco Paz”, propiedade da Deputación de Ourense, con grandes índices de aforro enerxético e redución do CO2. Esta iniciativa permite que o Pazo de Deportes sexa 100% sostible no que atinxe ao sistema de calefacción, eliminando así as emisións de CO2 utilizando principalmente enerxía xeotérmica e solar.

Este proxecto consistiu no aproveitamento da enerxía xeotérmica para dotar ó pavillón dunha instalación combinada de auga quente sanitaria, 100% con enerxías renovables para eliminar as emisións de CO2, sendo o 70% enerxía solar térmica e o 30% restante enerxía xeotérmica. Este sistema, pioneiro en España, basease en complementar xeotermia e enerxía solar, para producir auga quente sanitaria que demandan as instalacións do pavillón. A aposta da Deputación pola enerxía xeotérmica permite o aproveitamento desta enerxía para a produción de auga quente sanitaria, calefacción e refrixeración, aportando importantes vantaxes comparadas cos sistemas tradicionais, como son: altos rendementos, aforro enerxético e económico, e nula incidencia visual e sonora.

Con relación aos datos de aforro enerxético, no Pazo dos Deportes “Paco Paz” estase a reducir o 60% da potencia térmica, conseguindo con isto un aforro do 75% de combustibles (gasoil e electricidade). En relación coas emisións de CO2 os técnicos estimaron en 2012 unha redución do 51% das emisións totais con respecto os anos anteriores nos que a produción de auga quente se realizaba por sistemas tradicionais (gasóleo e biomasa).


COLABORACIÓN ENTRE INSTITUCIÓNS

O cuarto eixe de colaboración refírese a establecer liñas de cooperación interinstitucional entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense co Inega (Instituto Enerxético de Galicia), o Igape e coas universidades galegas para explorar medidas de aforro enerxético que poidan ser de aplicación no ámbito dos pequenos e medianos concellos da provincia de Ourense, baseadas no desenvolvemento de comunidades sostibles, uso de enerxía fotovoltaica, complementar enerxía e sustentabilidade e realizar plans de aforro enerxético específicos, un dos cales pode ser o de alumeado público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar