A ampliación de fondos na formación dual permitirá 750 novas contratacións

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe tras o Consello da Xunta a ampliación do programa que regula as axudas á formación dual, cun orzamento total de 4,1 millóns de euros que permitirá a formalización de 750 contratos. “Ampliamos en 3 millóns de euros o orzamento desta orde, que chega así ata os 4,1 millóns e prorrogamos cinco meses o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de novembro”, explicou, ao que engadiu que poderán beneficiarse, por primeira vez, destas axudas as entidades locais que realicen contratacións de formación e aprendizaxe.

Ademais de incrementar o número de beneficiarios, “que chegarán ao entorno dos 750”, e de reforzar a colaboración entre Xunta e concellos para a creación de emprego, Feijóo fixo fincapé en que este contrato de formación incide sobre todo na loita contra o paro xuvenil ao estar dirixido especificamente a menores de 30 anos en situación de desemprego.

Así mesmo, e ademais de ofrecer a estes mozos unha formación certificada, mellorando a súa preparación e cualificación, estas axudas supoñen tamén vantaxes para as empresas que, ademais de poder contar con profesionais preparados, disporán durante a vixencia do contrato de reducións da cota empresarial da seguridade social, que van desde o 75% ao 100%.

Logo de precisar que a formación dual proporciona aos beneficiarios un contrato asociado a unha actividade formativa de calidade, cunha duración mínima dun ano, o responsable do Executivo autonómico reiterou que a creación de postos de traballo e a loita contra o desemprego, e moi especialmente contra o desemprego xuvenil, sigue a ser unha das grandes prioridades da Xunta.

Sobre este último aspecto, Feijóo lembrou a posta en marcha do Plan de Emprego Xuvenil; unha folla de ruta específica que, dotada cun investimento de 100 millóns de euros nos próximos dous anos e cun paquete de 20 medidas, ten como destinatarios a 95.000 mozos galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar