Xesús Vázquez presenta ás aportacións á Lomce como solución ao sistema educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá en rolda de prensa os novos currículos de Primaria e FP Básica de desenvolvemento da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) como un amplo cambio metodolóxico que abre a oportunidade de solucionar as eivas do sistema educativo que as anteriores leis non arranxaron. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lamentou que os sindicatos se teñan negado a participar na mesa sectorial, e instounos a faceren achegas construtivas no Consello Escolar de Galicia, “porque consideramos que a LOMCE procura unha mellora do noso sistema educativo, polo tanto un beneficio para o conxunto da sociedade española, e neste caso particular da galega”.

 

 

Vázquez Abad sinalou o amplo cambio na metodoloxía que supón o novo decreto de Primaria, “na educación inicial, a fundamental, a que senta as bases da educación que os rapaces van recibir ao longo da súa vida”. “Estamos a falar dun novo concepto de ensino-aprendizaxe, no que se busca a transversalidade e metodoloxías que permitan integrar os elementos do curriculo mediante o desenvolvemento de tarefas que permitan resolver problemas en contextos da vida real”, dixo.

Así, a nova configuración curricular estrutúrase arredor de tres bloques, o que non implica unha organización pechada, senón que permite organizar os diferentes elementos de tal forma que se poida facer unha aprendizaxe integrada entre coñecementos de distintos bloques, e mesmo cunha metodoloxía que permita ademais axustarse ás necesidades e características particulares de cada grupo de alumnos. Ademais, o novo decreto fai fincapé en aspectos como a atención á diversidade, a intervención educativa en función das necesidades e capacidades de cada alumna e alumno, a realización de diagnósticos precoces que permitan realizar mecanismos de reforzo para lograr o éxito escolar; ou na lectura como un factor fundamental para o desenvolvemento das competencias clave, establecendo un tempo de lectura diaria non inferior a 30 minutos. Da mesma forma, o currículo de Primaria reforza valores e coñecementos transversais como a educación dixital, ou a promoción dos hábitos saudables, ao mesmo tempo que se mantén a aposta polo plurilingüismo dun xeito equilibrado e se regulan – cumprindo o compromiso adquirido no Parlamento- as tarefas extraescolares.

Xesús Vázquez_Lomce

REFORZO DA AUTONOMÍA DOS CENTROS

O reaxuste no horario de Primaria que supón o decreto supón o reforzo da materia de Matemáticas en 2 horas, tal e como explicou Xesús Vázquez, “un compromiso desta Consellería facelo tras os resultados do informe PISA 2012”. “Reforzamos as matemáticas – dixo- á vista de que os resultados denotan que é necesario darlles pulo; tendo en conta ademais que o currículo ata agora vixente tiñan menos carga das materias esenciais en 5º e 6º, como é o caso das Matemáticas, que son fundamentais para o paso á Secundaria”.

O novo decreto mantén o horario mínimo agora vixente para o resto das materias de carácter troncal e específico e, dacordo co compromiso adquirido no Parlamento, o mínimo de 2 horas en todos os cursos de Primaria para a educación artística –plástica e música-, así como para a educación física.

Ademais, “conscientes do importantísimo papel dos centros como avaliadores propios das súas necesidades” – dixo o conselleiro-, refórzase a súa autonomía establecendo dúas horas de libre configuración, unha en 4º e outra en 6º- que cada centro poderá dedicar á ampliación e reforzo de calquera das materias que se enmarquen no seu proxecto educativo.

Deste xeito o conselleiro sinalou a modificación da distribución do horario como “o aspecto a primeira vista máis visible pero non o xerador do cambio, que vén derivado dunha serie de prioridades marcadas por un currículo que ten por obxectivo camiñar cara a un sistema educativo de excelencia, e que comeza reforzando competencias clave e, sobre todo, facendo fincapé naquelas áreas nas que a Administración e os centros consideramos que é necesario reforzar”. Neste sentido salientou que o reaxuste implica, ademais, unha maior autonomía do centro para axustar o currículo e a metodoloxía ás súas propias necesidades, contexto socioeducativo e á atención á diversidade do seu alumnado; e unha ampla participación da comunidade educativa.

FP BÁSICA

Respecto da FP Básica, o conselleiro salientou o significativo avance que supón respecto dos actuais Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), e amosou a súa confianza en que estas ensinanzas “se traduzan nun descenso continuado da taxa de abandono educativo temperán, que se sitúa xa nos niveis máis baixos desde que se rexistran datos (18,6% no primeiro trimestre de 2014)”.

Vázquez Abad explicou que, a diferencia dos PCPI, que non se acreditan con titulación algunha, o alumnado de FP Básica terá un título cando remate os seus estudos, así como acceso á avaliación final para o título de graduado en ESO e aos ciclos de grao medio segundo a vinculación da familia. Neste sentido salientou que o título de FP Básica ten xa a día de hoxe os mesmo efectos – á hora de obter un emprego público ou privado- que o de graduado en ESO. “Polo tanto, quen queiran acadar o graduado en ESO será por motivos fundamentalmente académicos, para accederen ao Bacharelato”.

Entre outras vantaxes comparativas, o conselleiro sinalou que os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI; e que é ademais unha ensinanza encadrada na Clasificación Internacional Normalizada da Educación da UNESCO, no nivel CINE 3, “o que lle dá aínda máis categoría a estas ensinanzas e posibilidades de validación”. Así mesmo, fixo referencia ao feito de que esta nova modalidade da FP ten a mesma estrutura modular ca os ciclos de grao medio e superior, “o que facilita a mobilidade do alumnado entre as Comunidades Autónomas e as validacións, unha situación complicada no caso dos PCPI, con currículos diferentes segundo a Comunidade Autónoma”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia rematou a rolda de prensa instando ás organizacións sindicais a mudar a súa actitude, sinalando que “sería interesante contar coas súas achegas construtivas para a implantación da LOMCE, e non só cunha postura totalmente pechada ao diálogo”. “Pensamos que o obxectivo é claramente beneficioso para todos, colores políticos á marxe, e agardamos que as organizacións sindicais así o entendan e deixen de política coa educación” dixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar