Feijóo avoga por un sistema universitario capaz de afrontar as demandas

Feijóo_Viaño_toma rector USC_1

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por traballar con visión de conxunto e perspectiva de futuro para apuntalar un sistema universitario galego capaz de responder ás demandas da sociedade. “A riqueza indubidable que supón a existencia de tres universidades na nosa comunidade, engade dificultades coñecidas que procuramos superar con prudencia e equidade. Cómpre, por parte de todos, visión de conxunto e perspectiva de futuro para conservar e fortalecer un sistema universitario único sustentable e capaz de responder ao que a sociedade nos demanda en cada momento”, aseverou.

Así mesmo, e durante o acto de toma de posesión como reitor magnífico da USC de Juan Manuel Viaño Rey, Feijóo reiterou que a Universidade é unha das prioridades da Xunta e lembrou que Galicia mantén conxeladas as taxas universitarias desde 2009, o que a converte na comunidade autónoma onde as familias deben realizar o menor esforzo para acceder ao sistema universitario.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego recordou tamén que é nas aulas da Universidade onde toma corpo a conciencia do país. “Pensadores, políticos, activistas e soñadores tiveron aquí a súa alma mater. Aquí fraguan, nunha idea potente, inquedanzas que estaban dispersas. Aquí formúlanse teorías que recollen visións do noso que foran antes mero sentimento. Podemos afirmar con orgullo que o que somos naceu aquí, que aquí madurou, se fortaleceu e se fixo enerxía imparable”, aseverou.

Deste xeito, Feijóo referiuse á Universidade como un dos fitos esenciais na vida deste país. “Galicia –incidiu- atopa na Universidade o seu fundamento e a súa forza”.

Sobre o novo reitor da USC, Viaño Rey, Feijóo destacou a súa experiencia e destreza humana “que xa ten demostrado en anteriores responsabilidades”, así como a súa devoción pola internacionalización da Universidade.

Sobre este último aspecto, afirmou que esa internacionalización, presente no Horizonte 2020 da Comisión Europea, está en consonancia coa que está emprendendo Galicia de maneira decidida. “Facernos presentes no mundo, e facer presente ao mundo entre nós, é un obxectivo colectivo que implica a todos os sectores do noso país. Máis que unha opción, é unha obriga”, aseverou, ao que expresou o seu convencemento de que se trata dun obxectivo “que culminaremos xuntos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar