Ancíans soas, discapacitadas e víctimas de agresións optarán a subvencións

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentaron aos representantes das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia pontevedresa a convocatoria de axudas e subvencións para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. En concreto, reuníronse con preto de 30 asociacións e colectivos que traballan no ámbito social e a prol da igualdade. Entre outras, estiveron presentes membros das asociacións Faraxa, Érguete, Down-Vigo, Adicam, Mulleres en Igualdade, Ayuvi, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Pedra Vella, Red Madre, Redeiras do Baixo Miño Atalaia, etc.

Esta orde, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) hai uns días, conta cun orzamento de preto dun millón de euros, cofinanciados ao 80 por cento polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Susana López Abella destacou o esforzo do Goberno galego na promoción da igualdade no colectivo de mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Así, apuntou que no período 2009-2012 a Xunta subvencionou con máis de 3,7 millóns de euros a 111 entidades sociais que atenderon a máis de 35.000 mulleres (35.262).

A diferenza dos anos anteriores, na convocatoria 2014 establécense dúas liñas de axudas. Unha destinada a programas de recursos integrais para mulleres e programas de mantemento de centros; e unha segunda destinada a programas de investimento. Esta última liña é a novidosa e por primeira vez será cofinanciada co FEDER.



LIÑAS DE AXUDA

A primeira liña poderá financiar os gastos correntes e de persoal e/ou para o fomento da contratación de profesionais da acción social, como educadores/as, traballadoras/es sociais, técnicas/os en integración social, axentes de igualdade, etc.

Serán subvencionables os programas de mantemento de centros de atención especializada a mulleres e recursos integrais para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillas/os menores de tres anos; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social -reclusas, ex-reclusas, drogodependentes-; vítimas de violencia de xénero e mulleres en situación de especial protección, como anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas. A subvención máxima será de ata 35.000 euros.

Pola súa banda, a segunda liña de axudas poderá financiar os gastos que precisen realizar para investimento en equipamento informático -ordenadores, monitores, impresoras, etc.- e/ou obras de mellora ou acondicionamento da súa sede ou locais de traballo. A subvención máxima que se poderá recibir para tal fin será de ata 20.000 euros.

Como última novidade, nesta convocatoria as dúas liñas de axudas son compatibles con outras axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional doutras administración, algo que ata o momento non se daba.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar