Monarquía ou república?

Permíntame arremedar a Francésc Cambó : «Monarquía ou República? Galiza». Reclamar a República é algo normal e lóxico cando se dá un proceso sucesorio na Coroa. Pero, se se reclama o dereito a decidir entre Monarquía e República, por que negarlle a Galiza ese mesmo dereito sobre a súa integración no Estado español? Pois o noso problema non é a xefatura, senón a incardinación no Estado.

A abdicación (que nunca ía realizar) de Xoán Carlos, está a enfocar o debate social sobre unha cuestión fulcral para as forzas estatais, pero que as elites extractivas e privatizadoras que ostentan o poder no Estado, non só están a manexar conforme aos seus propios intereses, senón que teñen gañado de antemán. Gáñano porque xa están a marcar a axenda política.

Xoán Carlos explicou o fondo da cuestión: abdico para impulsar as reformas que pide o país. É unha manobra ante o desprestixio da Coroa, que non da Monarquía, pero, sobre todo, ante o esfarelamento do Estado unitario español.

O cambio do Estado, cunha nova Transición, é o que se está a cociñar nas lareiras do poder político, económico e mediático español desde hai tempo. Esa é a verdadeira «concertación» PP-PSOE da que se viña falando! Están a perpetuar unha nova fraude política. Como ben adiantou Mariano Raxoi, para as futuras reformas, é necesario un consenso de principio. Estaríamos así nunha situación aínda peor que na de 1978. Daquela o acordo foi unha síntese. Agora o pacto xa está no comezo, cunha Constitución que marque até onde se pode chegar. E cun Felipe VI que recollerá os froitos destes axustes, vendéndonos a Monarquía como a nova impulsora dos cambios para que nada cambie.

As organizacións nacionalistas galegas non poden cometer o erro de deixarse levar polo debate cebo, Monarquía-III República, que ten unha virtualidade ideolóxica evidente para as forzas estatais, pero non práctica para o que se xoga agora Galiza.

Galiza non ten un poder propio, como Catalunya e Euskadi para negociar as verdadeiras reformas que se van a dar no Estado, comezando polo «encaixe catalán». Nin uns partidos nacionalistas con suficiente peso para «meter medo» e conseguir unha equiparación coas outras nacionalidades históricas.

Ante esta situación, é necesario unha dinámica propia, cunha acumulación de forzas sociais e políticas para que Galiza non quede desprazada e perdedora neste proceso reconstituínte. Non se trata de furtar o debate ideolóxico, necesario e inevitábel, tampouco dunha alianza electoral, senón de defender os nosos intereses como país.

De non facelo así, cando nos demos conta, nin país teremos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar