A Deputación de Ourense apoia a demanda do grao de Enxeñería Física para o Campus

Baltar_demanda para Ourense do grao de enseñería física

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, atendeu hoxe a solicitude de audiencia por parte da Plataforma pro Campus de Ourense, que se reuniu co presidente provincial para sumar o apoio desta institución para a implantación do grao de Enxeñería Física no Campus. Manuel Baltar explicou que a Deputación de Ourense é a institución que máis ten contribuído á implantación e o desenvolvemento do noso campus e que o goberno provincial segue a manter a súa coherencia na reivindicación de apoio á implantación do grao de Enxeñería Física.

Tamén comentou Baltar que dende que tivo coñecemento da solicitude de audiencia, que leva aparellada a petición da convocatoria dun pleno extraordinario, ningún grupo político da corporación provincial lle solicitou a celebración de tal pleno, pero afirmou que el, como presidente e dentro das competencias institucionais que lle atribúe a lexislación, convocará ese pleno para o vindeiro mércores, día 11 de xuño, ás 11.00 horas, co obxectivo de apoiar unha declaración que inclúe dous acordos que redactaron conxuntamente na reunión de hoxe o presidente e os representantes da Plataforma pro Campus.

O texto dos acordos sinala no seu punto 1: “Rexeitar o acordo do Consello Galego de Universidades, que aprazou a implantación do grao de Enxeñería Física no Campus de Ourense no curso académico 2014-2015”; e no punto 2 recolle: “Instar a convocatoria do Consello Galego de Universidades, con carácter urxente, para que os estudos do grao de Enxeñería Física para Ourense comecen en setembro de 2014 no noso campus”.

Manuel Baltar considera que este acordo “reflicte de maneira contundente o sentir do goberno provincial e encaixa directamente coas reivindicacións da Plataforma, da que formamos parte todos os ourensáns”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar