Centros de innovación para crear emprego cualificado e mellorar a competitividade

 

Alberto Núñez Feijóo, salientou a aprobación, por parte do Consello da Xunta, dunha “decisión pioneira” no ámbito da innovación empresarial en Galicia, un programa de creación de centros de innovación mixtos por parte de empresas e organismos de investigación galegos. Trátase dunha iniciativa que mobilizará 30 millóns de euros e permitirá desenvolver liñas de traballo en materia de innovación en sectores estratéxicos da economía da Comunidade.

Segundo destacou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, para conseguir este obxectivo, o Goberno galego investirá directamente fondos públicos, 9,5 millóns de euros, na liña do Programa Innova en Galicia, que permitirá avanzar “un paso máis no desenvolvemento do compromiso que presentamos á Unión Europea da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3”.

Neste contexto, o titular da Xunta explicou que a liña nace coa finalidade “de que o investimento público exerza de panca para a atracción de capital privado con destino á innovación tecnolóxica” e adiantou que distintas compañías de sectores económicos estratéxicos como o das TIC, o da automoción, o aeronáutico ou o farmacéutico, xa teñen comunicado o seu interese por participar neste programa.

Os centros de innovación terán unha serie de requisitos para poder obter financiamento público. O primeiro deles, é que se ten que manter un mínimo de tres anos en funcionamento, e que teñen que estar cofinanciados polas empresas. Deste xeito, impulsarase a creación de emprego cualificado; desenvolveranse as capacidades dos centros galegos ao servizo de áreas punteiras da economía; e mellorarase a competitividade das empresas grazas á transferencia de coñecemento nos sectores estratéxicos.

Beneficiarios do programa
Feijóo indicou que os beneficiarios deste programa serán os centros tecnolóxicos, as universidades ou fundacións de investigación sanitaria, centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ou do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Ademais, estes centros teñen que acreditar ter captado o interese e compromiso de empresas para desenvolver conxuntamente -Xunta de Galicia, centro de investigación e empresa- os centros de innovación.

“O resultado debe ser unha unidade mixta de innovación con entidade física propia cun lugar propio de traballo, con persoal propio contratado e cun orzamento mínimo por programa de dous millóns de euros”, abundou o presidente galego, incidindo en que este orzamento mínimo se financiará do seguinte xeito: a Xunta cubrirá o 30% do orzamento total; a empresa ten que cubrir o 40% do orzamento da unidade; e o 30% restante correspóndelle ao organismo de investigación socio que, deberá completar o investimento con fondos propios. “Polo tanto, o centro e a empresa traballarán conxuntamente nas liñas de innovación e participarán tamén, de maneira conxunta, dos resultados da propiedade intelectual relativa á súa explotación”, indicou Feijóo.

“Isto suporá que as unidades non serán só un foco de coñecemento punteiro radicado en Galicia, senón que tamén activarán a posta en valor deste coñecemento do mercado; porque o que buscamos é a innovación ligada ao crecemento económico e a innovación ligada ao emprego”, asegurou.

“Iniciamos unha liña nova na que comprometemos os centros de investigación galegos, as fundacións sanitarias, as universidades, sempre que conten cun socio que é unha empresa, que ten que cofinanciar o 40% dese proxecto, cun período de duración mínimo de tres anos para innovar nos seguintes sectores da economía: no sector da automoción, na industria aeronáutica e aeroespacial, no deseño de novos fármacos, na aplicación das TIC especialmente no eido sanitario, en novas fórmulas para a explotación enerxética de biomasa, e noutros eidos aliñados coas estratexias da RIS3, presentada pola Xunta de Galicia”, subliñou Feijóo al respecto.

Por último amosouse confiado en que, con esta iniciativa, que mobiliza 9 millóns de euros de fondos públicos e un total de 30 millóns de euros, sumando fondos públicos e privados, “poderemos iniciar unha vía non explorada no que levamos de tempo en materia de innovación e que, sen dúbida, poderá redundar na economía produtiva e poderá poñer en valor as capacidades de innovación e investigación que albergan os centros galegos e as universidades galegas”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar