Baltar propón á Xunta crear un «cinto verde» arredor las parroquias máis castigadas polo lume

Baltar_conselleira AGricultura

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Santiago coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para presentarlle unha proposta de colaboración entre a Xunta de Galicia e o goberno provincial ourensán centrada en medidas de cooperación no ámbito dos incendios forestais. Entre as iniciativas que plantexa Baltar figura a creación dun “cinto verde” arredor das parroquias máis castigadas nos últimos anos polos lumes forestais, medida que permitiría ampliar a seguridade dos núcleos de poboación fronte aos incendios.

Esta iniciativa, que comprendería en total a 48 parroquias da provincia de Ourense, é unha das propostas que integra o Plan de cooperación contra incendios forestais, incluído no Plan Ourense 92, que está a elaborar a Deputación de Ourense para incidir principalmente na prevención, na inspección e na vixilancia no que atinxe aos incendios forestais.

A proposta presentada hoxe por Manuel Baltar inclúe tamén a creación dun Servizo de Inspección Ambiental, integrado por un equipo de inspectores, que tería a finalidade de detectar parcelas ilegais, sen limpar ou en mal estado de conservación, localizadas en solo urbano, núcleo rural ou solo urbanizable delimitado, así como parcelas situadas dentro das faixas secundarias de xestión.

O documento tamén contempla a realización da limpeza “de oficio” daquelas fincas nas que o propietario non a realiza no prazo sinalado; e no que atinxe á cooperación a Deputación de Ourense prestaría a súa colaboración con medios materiais para o mantemento e conservación de infraestruturas de defensa do monto (pistas forestais, corta-lumes e limpeza de faixas de xestión de biomasa), de tal xeito que o ente provincial poría a disposición a maquinaria e o persoal mentres que a Xunta de Galicia asumiría o custe do combustible. A colaboración na prestación de medios materiais tamén se estende á loita e defensa contra incendios forestais, para o cal a deputación pon a disposición maquinaria e persoal, do mesmo xeito que para o mantemento de infraestruturas de defensa do monte.

O presidente provincial explicoulle á conselleira que a colaboración na loita contra os incendios forestais entre ámbalas dúas administracións poder abranguer tamén o ámbito da asistencia técnica, coa elaboración, supervisión e control dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais; e a colaboración coa Xunta e coa Fegamp para elaborar un modelo de ordenanza tipo de prevención de incendios en solo urbano, núcleo rural e urbanizable delimitado localizado a menos de 400 metros do monte.

Asemade, o presidente da Deputación de Ourense propón a realización dun seminario para o coñecemento e promoción da Lei de Incendios Forestais e Lei de Montes, tanto para os técnicos como para os responsables políticos dos concellos da provincia. Ademais, aproveitando as instalacións e medios do Negociado de Formación Continua proponse realizar en Ourense as xornadas que ten programadas a EGAP en Santiago sobre o coñecemento da lexislación vixente en materia de montes e incendios forestais na provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar