Feijóo defende ante a OMT a capacidade do turismo para o crecemento económico

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a capacidade do turismo para contribuír “ao crecemento económico, a un desenvolvemento social inclusivo e a blindar un medio sustentable”, motivo polo que explicou que este campo de actividade se sitúe entre as prioridades de acción do Goberno galego.

O mandatario autonómico presidiu hoxe, xunto ao ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, a recepción ofrecida no Hostal dos Reis Católicos ao Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT) que celebra en Santiago de Compostela a súa 98ª xuntanza. Nese marco, Feijóo lembrou que o turismo é xa un campo de actividade de gran importancia na estrutura económica de Galicia, posto que achega máis do 10% do PIB e acapara máis do 11% do emprego e, sobre todo, porque “posúe unha gran capacidade para dinamizar os territorios nos que se desenvolve”.

Explicou que por ese motivo o turismo ocupa un espazo central no organigrama da Administración autonómica e entre as as súas prioridades de actuación e que, tamén por esa razón, o Goberno autonómico se dotou “dunha folla de ruta, planificada e consensuada co sector, para pór en valor e sacar o máximo rendemento dos recursos turísticos de Galicia”.

O presidente galego remarcou, xunto con isto, que a Xunta está a traballar “man a man cos axentes privados, aproveitando sinerxías e iniciativas”, para acadar a excelencia e situar no panorama internacional “un destino turístico en cuxas posibilidades temos gran confianza”.

A ese respecto, sinalou que esa confianza se ve apoiada polo número cada vez maior de visitantes que chegan a Galicia cada ano, especialmente os estranxeiros, que en 2013 acadaron o seu máximo histórico.

O titular da Xunta puxo en valor os atractivos turísticos de Galicia, unha Comunidade que, dixo, ademais de ser meta do Camiño de Santiago –Patrimonio da Humanidade e Primeiro Itinerario Cultural Europeo- é tamén natureza, pois posúe 1.659 quilómetros de costa; 863 praias -co maior número de bandeiras azuis de España-; ten o 12% da súa superficie protexida; 72 zonas de especial protección dos valores naturais; 3 sitios naturais de interese nacional e 16 zonas de especial protección de aves. Referiuse, tamén, a que a Autonomía ten en total 4 patrimonios da Humanidade, 671 bens inmobles de interese cultural e 117 festas de interese turístico. E, finalmente, subliñou que Galicia conta coa mellor oferta de termalismo do Estado e cunha das enogastronomías máis singulares do mundo.

Un espazo en sintonía cos obxectivos da OMT
Na súa intervención, o presidente do Goberno galego agradeceulle á Organización Mundial do Turismo que decidise celebrar a xuntanza do seu Consello Executivo en Santiago de Compostela, un lugar do que dixo que, como meta do Camiño, “simboliza a vontade dos pobos, nacións e culturas de encontrarse, de coñecerse e de mesturarse”.

Nese sentido, Feijóo mostrouse convencido de que a reunión destes días en Santiago servirá para acreditar o acerto de decidir celebrar nesta mesma cidade o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo, que terá lugar o vindeiro setembro, no marco da conmemoración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar