Debate en Ourense sobre iniciativas para o emprego e o emprendemento feminino

Carla Reyes_Susana López_Baltar_Foro muller rural Ourense

A Deputación de Ourense e a Asociación de Executivas de Galicia organizan hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” un foro de emprendemento feminino e desenvolvemento rural sostible para analizar iniciativas laborais aplicadas ao medio rural. Na xornada analízanse experiencias de éxito no eido empresarial promovidas por mulleres nos sectores do viño, agroalimentario, moda e o medio ambiente, que sirvan de referente a mulleres desempregadas e emprendedoras que queira iniciar un proxecto empresarial no medio rural.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, foron os encargados de inaugurar a xornada, destacando a importancia de seguir impulsando iniciativas que fomenten o emprego e o emprendemento feminino. Baltar citou o Código Ético que ven de poñer en marcha o goberno provincial, que recolle nos seus artigos 10 e 11 a necesidade de “promover e garantir a igualdade”. “Hai que pasar das palabras aos feitos e na Deputación de Ourense estamos a desenvolver iniciativas como o Plan Transforma Ourense, o Plan de Parques Empresariais e plans de emprendemento que favorecen, estimulan e potencian as posibilidades de xerar emprego na nosa provincia, unha andaina que temos que percorrer en base á cooperación”.

Baltar lembrou que as últimas cifras de paro da provincia de Ourense acreditan que se baixou das 29.000 persoas, “pero aínda temos 28.734 persoas desempregadas, das cales 15.056 son mulleres, algo que nos preocupa e polo que temos que seguir traballando, por xerar oportunidades de emprego tanto no rural como nos principais núcleos de poboación”.

O presidente do goberno provincial afirmou que os concellos da provincia de Ourense “teñen un gran potencial nos ámbitos agroalimentario, termal, turístico e patrimonial que temos que aproveitar, e foros como este, didácticos e prácticos, contribuirán a mellorar a empregabilidade das mulleres e a situación socio-económica da nosa provincia”.

Pola súa banda, Susana López Abella destacou a importancia de realizar foros específicos para analizar a problemática laboral das mulleres, “pois as mulleres temos sempre que dar o dobre para conseguir a metade. Por elo, é importante aproveitar o talento, a experiencia e a visión do capital feminino fomentando un tecido empresarial máis comprometido coa igualdade de xénero e eliminando obstáculos como son a conciliación, os horarios extensos e a fenda salarial, para avanzar cara a unha verdadeira igualdade”.

O foro conta coa participación de empresarias e representantes de mulleres rurais, Igape e Xunta de Galicia. Entre as relatoras figura Sofía Godoy Gómez-Franqueira, da Fundación Coren; Isabel Garrido, presidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense; Covadonga Toca, secretaria xeral do Igape; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; José Manuel Pérez Canal, xerente de Aceites Abril e presidente da CEO; Miguel Ángel Viso, presidente da D.O. Ribeiro; Esther Merlo, responsable do Departamento de I+D+i de Madera Plus Calidad Forestal; Anal Méndez, directora de Bodegas Grupo Reboreda Morgadío, e Rosa Corral, representante da firma La Colmena de Sofía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar