4,5 millóns dos fondos Feder, ao plan «Transforma Ourense»

 

Manuel Baltar_Acuña

O presidente do Inorde, Manuel Baltar, e o director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Fernando Bayón, asinaron hoxe no Pazo Provincial un acordo de colaboración para establecer unha alianza estratéxica entre o Goberno de España –a través do Ministerio de Industria- e a Deputación de Ourense –a través do Inorde- para destinar 4,5 millóns de euros para accións de emprendemento e competitividade económica enmarcadas no Plan “Transforma Ourense”.

O financiamento procederá de fondos FEDER e FSE e achegarase en tres anualidades: 2015, 2016 e 2017, a razón de 1,5 millóns de euros en cada unha delas. O obxectivo é a realización de iniciativas de emprendemento en sectores destacados da provincia de Ourense como son o termal, a lousa e a vitivinicultura, entre outros.

Trala sinatura do acordo, o presidente do goberno provincial afirmou que este acordo “repercutirá moi positivamente no desenvolvemento social e económico da nosa provincia porque permitirá poñer en marcha un plan de emprendemento baseado nos sectores estratéxicos do noso territorio, como é o primario e a lousa, ou sectores de futuro como son o termalismo e as industrias culturais”. Baltar considera que un “goberno intelixente” como o goberno provincial, que basea a súa estratexia na administración electrónica -outros dos receptores dos fondos comunitarios-, “hoxe está de noraboa, se ben isto non exclúe as negociacións que estamos a ter con outros departamentos do Estado para que as achegas á deputación sexan maiores e poidamos levar a cabo os plans que temos presentado, que de seguro terán unha resposta tan positiva como esta e que daremos a coñecer nos vindeiros meses”.

O acordo estratéxico de hoxe enmárcase no futuro programa operativo de fondos europeos, previsto para o período 2014-2020: Programa Europeo 20.20, sendo de interese para a deputación e a EIO establecer un instrumento de colaboración para o desenvolvemento de programas, actuacións e proxectos no seo do citado programa, que se canalizarán a través dos correspondentes convenios específicos de colaboración, para o cal a Deputación de Ourense actuará como socio local.

Este compromiso estratéxico, que significará unha importante inxección económica para o Inorde -encargado de executar o plan- “marcará un antes e un despois no desenvolvemento da estratexia de fondos comunitarios aos que acude a Deputación de Ourense e repercutirá moi favorablemente no desenvolvemento do noso territorio”, afirma Baltar.

O acordo tivo a súa orixe hai meses cando a Deputación de Ourense e a Escuela de Organización Industrial asinaron un acordo de colaboración para o Plan “Transforma Ourense”, eixe central do investimento. Daquela destináronse 212.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras co fin de mellorar a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios.

O Plan “Transforma Ourense” ten como obxectivo mellorar a innovación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer o emprendemento, a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán. O plan, que busca aumentar o potencial innovador das pemes da provincia de Ourense, comprende accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.

O Plan “Transforma Ourense” é consecuencia directa dos datos que subministra o Observatorio Económico Ourensán, á súa vez, unha das actuacións do Plan Ourense 92.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar