Peinador recibe o primeiro voo da ruta Valencia-Vigo

Volotea_Peinador_primeiro vo Vigo-Valencia

O aeroporto de Vigo recibiu este luns o voo inaugural da nova ruta con Valencia, que opera a compañía Volotea, co obxectivo de poñer o aeroporto vigués «no mapa» e «que a xente saiba que se pode voar dende Peinador a moitas partes de España e de Europa».

O avión aterrou na cidade olívica pouco despois das 18,30 horas, baixo un arco de auga lanzado por dous camións de bombeiros do aeroporto, tal e como marca a tradición aeronáutica de ‘bautizar’ os voos inaugurais.

No acto estiveron presentes o director xeral de Volotea, Lázaro Ros; a directora do aeroporto, Noelia Martínez; o alcalde da cidade, Abel Caballero; e os concelleiros Carmela Silva, Carlos López Font, David Regades, Cayetano Rodríguez e Ángel Rivas, entre outras personalidades.

O mandatario vigués trasladou a súa satisfacción ante este acto simbólico que representa «a recuperación do aeroporto de Vigo». «O aeroporto dunha gran cidade necesita impulso, promoción, novos voos e este voo é o primeiro paso dunha relación francamente boa, directa e de confianza» entre Volotea e a cidade para dar «un impulso ao tráfico, ao número de viaxeiros e á conectividade», asegurou Caballero.

Neste sentido, o director xeral de Volotea transmitiu que a operativa que puxeron en marcha este ano é «un primeiro paso ambicioso» que xorde despois dun ano sen conexións dende Vigo. Así, recordou que se trata do único aeroporto que engadiron ás súas rutas este ano, o que é exemplo «da importancia (que dan) a esta cidade».

Ademais, de cara ao futuro, aseverou que, «dada a boa resposta» que están a recibir, seguirán coa súa presenza en Peinador e adiantou que haberá «algún crecemento». De feito, Caballero expresou a súa confianza en que o próximo ano haberá «un avance sensible e definitivo» con Volotea para que cubra «tódalas rutas transversais con España», con cidades de Levante, Andalucía e as illas.
8.000 PRAZAS VENDIDAS

O director xeral da empresa destacou que a venda de prazas nas conexións de Volotea co aeroporto de Vigo vai «moi ben» e «con moito pulo» e, de feito, indicou que ata este momento contan cunhas 8.000 prazas vendidas, case un 40 por cento do total que ofertan.

«A xente está a responder moi ben», aseverou Ros, que puxo en valor que as persoas que lles elixen para voar non só teñen como orixe ou destino a cidade de Vigo, senón que tamén hai pasaxeiros doutras partes de Galicia.

Cuestionado polos xornalistas sobre a posibilidade de que Volotea estableza a súa base operativa na cidade olívica, o director xeral da aerolínea deixou a porta aberta, e sinalou que, de momento, «están a conversar», aínda que reiterou que «a relación co concello é moi fluída e moi positiva».
FROITO DO ESFORZO

O alcalde resaltou durante a súa comparecencia que, a aerolínea Volotea incluíu Vigo entre os seus aeroportos de orixe e destino como «froito do esforzo da cidade», e recalcou que a compañía non recibe ningunha outra axuda ou subvención exceptuando a do Goberno local.

Así mesmo, o alcalde anunciou que colocarán o logotipo de Turismo de Vigo nun dos avións da compañía Volotea, o que lle permitirá estar presente en 56 aeroportos de oito países. «É un pulo notable en toda Europa», ao que se unirán outras iniciativas máis tácticas, apostilou Ros.

Finalmente, Caballero aproveitou o acto para expresar o seu malestar coa posición mostrada por «algún grupo político» no pleno do concello deste luns, en alusión ao enfrontamento suscitado entre o PSOE e o BNG a partir da moción presentada polos nacionalistas en apoio ao aeroporto de Peinador e que foi acusada polos socialistas de «lavado de cara».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar