«Galicia, pórtico universal» inicia a sua andaina en Barcelona

Miranda_comunidade galega en Barcelona

Os secretarios xerais do Mar e da Emigración da Xunta, Juan Carlos Maneiro e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, e maila xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, inauguraron en Barcelona ’Galícia i Catalunya, mostra agroalimentària i cultural’, coa que inicia o seu percorrido deste ano Galicia Pórtico Universal. Ademais, estiveron presentes o concelleiro de Comercio, Consumo e Mercados do Concello barcelonés, Raimon Blasi, e mailos representantes das colectividades galegas asentadas en Cataluña.

Por parte da Generalitat, a inauguración contou coa participación do delegado do Govern catalán en Barcelona, Fernando Brea; o director dos Servizos Territoriais do Departamento de Agricultura, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Natural, Marià Morera; a directora de Relacións Cidadás e Institucionais do Concello de Barcelona; o director de Mercadotecnia da Axencia Catalá de Turismo, Jordi Secall; e o responsable de Relacións coas Casas Rexionais do Departamento de Gobernación e Relacións Institucionais, Xavier Cortés.

Galicia, Pórtico Universal é unha liña de actuación posta en marcha o pasado ano e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma aos cidadáns doutras Comunidades e países, e que neste 2014 comeza a súa andaina en Barcelona con presenza de produtos e produtores locais. Trátase dunha iniciativa das comunidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial, que conta no caso de Barcelona co firme apoio das autoridades da cidade e de Cataluña, que achega tamén unha escolma da súa produción agroalimentaria.

VERSATILIDADE
Rodríguez Miranda gabou asemade que se trata dun “magnífico expoñente de coordinación entre distintos departamentos dunha mesma Administración, e tamén entre varias administracións, mediante o cal coopérase e multiplícase o efecto, optimizando así os recursos”.

Galicia Pórtico Universal é unha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe una exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dunha actividade artesán galega, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de catas.

Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa, e tamén actuacións no ámbito cultural adaptadas a cada lugar onde se instale. Ademais en Barcelona, única cidade na que repite visita, contará coa achega de produtos e produtores locais.

Mercé ao éxito acadado pola iniciativa, o Goberno galego pretende darlle pulo no decurso do ano 2014 levando a instalación a dúas cidades máis en España (Vitoria e Córdoba), unha en Alemaña (Hamburgo), e por vez primeira unha en América, dando o salto á outra beira do Atlántico, concretamente para a posta en marcha de “Buenos Aires celebra Galicia” o vindeiro mes de setembro, tralo acordo acadado co Goberno da Cidade capital arxentina.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar