Iniciativas conxuntas para promocionar os respectivos camiños

Feijóo_Xapón_Caminoa Kumano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe un encontro co gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, con quen avanzou na posibilidade de que Galicia e Xapón organicen iniciativas conxuntas para promocionar o Camiño de Santiago en Oriente, e o Camiño Kumano en Occidente.

Durante o encontro, tanto Alberto Núñez Feijóo como Yoshinobu Nisaka coincidiron na oportunidade que supón para ambos os dous territorios unha promoción conxunta das súas rutas de espiritualidade, máis cando se trata de dúas sendas de peregrinación que o son desde hai centos de anos e que remontan as súas orixes á Idade Media; ambas teñen sido transitadas por milleiros de peregrinos ao longo dos séculos; as dúas comparten unha longa tradición de peregrinaxe, unha historia común de espiritualidade e concordia; e as dúas son referentes culturais para Oriente e para Occidente.

A xuntanza entre o presidente galego e o gobernador da Prefectura de Wakayama serviu para renovar os vínculos fraternos existentes entre os dous territorios, unha relación que se remonta xa a anos atrás. Así, en xullo de 2012, o presidente da Xunta recibiu ao gobernador de Wakayama en Santiago de Compostela, un encontro no que asinaron un memorando para afondar nas relacións e amizade e cooperación entre ambos os dous territorios, que viña dar continuidade á declaración oficial de amizade rubricada polo presidente Fraga en 1998.

Feijóo_Xapón_monolito Xacobeo-Kumano
Feijóo tamén quixo testemuñar o respecto do Camiño de Santiago ao Camiño Kumano, agasallando ao pobo nipón cun marco conmemorativo da celebración do décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Coa reunión co gobernador de Wakayama, Alberto Núñez Feijóo pechou a segunda xornada da súa viaxe oficial a Xapón, na que tivo oportunidade de percorrer un treito do Camiño Kumano, visitar o templo Hongu Taisha ou participar nun xantar co alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar