As eleccións como indicador social

AS eleccións son coma unha feira: os partidos venden, os cidadáns mercan. Pero logo ninguén conta verdadeiramente como lle foi, pois xa pensan todos no seguinte mercado. Existe un dato que semella incontestábel: perderon as «políticas de austeridade» emanadas desde a troika e postas en marcha polo PP e PSOE. Que ambos partidos pasasen de obter o 80% do apoio do electorado ao 49%, con toda a maquinaria do Estado e da UE ao seu favor, non deixa lugar a outra lectura.

Aínda que socialistas e populares falen de eivas nas mensaxes e, no caso socialista, dos seus liderados, a sociedade mostrou un grao de saturación co neoliberalismo que os vai facer corrixir máis que as formas e os xeitos para tentar que nada cambie.

E aínda salvou ao bipartidismo a irrupción de Podemos. A ortodoxia, malia as súas descualificacións, analiza que a nova formación, catalizadora do descontento dos xoves e dos chamados indignados, é moito máis asumíbel polo sistema que se ese voto se concentrase en IU. Agora é a coalición de Cayo Lara quen ten un verdadeiro problema. Como o ten Anova en Galiza logo de errar claramente na súa estratexia. Para confluír, uns e outros teñen que mudar e, polo tanto, desnaturalizarse. Doutro xeito, competirán.

A pregunta é se o carreiro que artellaron no Club Bilderberg, e que puxeron a andar dous dos seus membros, Sofía de Grecia e Juan Luis Cebrián, coa axuda de Botín e Alierta, é aínda posíbel. Refírome a un goberno de concentración PP-PSOE. Ou dito doutro xeito, aínda é a solución?

Pois, para os sistema, son moito máis preocupantes que a caída do bipartidismo e a forte irrupción de partidos que o cuestionan, os resultados de Catalunya e Euskadi.

O triunfo de Esquerra Republicana aguilloa o plan soberanista catalán, pero o de Bildu en Euskadi abre un novo escenario nas Vascongadas, que só o está coutando a demora de ETA en disolverse.

Un escenario que, contra o que poida pensarse, non se torna máis fácil para Galiza. Sempre se ollou a emancipación das nacións periféricas do Estado como algo encadeado coma un ramallo de cereixas. Pero agora, cada unha non só marca os tempos propios, senón que semellan procesos independentes.

A situación de enorme debilidade electoral do nacionalismo galego, oportunamente roto en tempo e forma, cunha póla que decidiu xogar á quebra democrática na vez da autodeterminación nacional, non só lle vai impedir participar con forza na creación dun novo estado, senón que lastra a toma de conciencia nacional. E, ao mesmo tempo, a galeguización, mesmo formal, dos partidos estatais. Como se van defender os nosos intereses?

 

AlfonsoEiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar