A Filharmonía de Galicia celebrará o Día da Música no Gaiás o dia 21

Filharmonía de Galicia_orquesta_orquestra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o vindeiro 21 de xuño o Día da Música no Gaiás, cun concerto a cargo da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Oliver Díaz e con Javier Otero no piano solista. Este día estrearase a obra ‘Auga Doce’, a tocatta para piano e orquestra composta por Juan Durán para a exposición homónima.

A partir das 21 horas e co patrocinio de Aguas de Mondariz, a Real Filharmonía de Galicia subirá ao escenario do Museo Centro Gaiás para celebrar o Día da Música baixo a batuta de Oliver Díaz, director convidado e titular da Orquesta Sinfónica Ciudad de Gijón, OSCG, e da Barbieri Symphony Orchestra, BSO. Cun extenso repertorio que abarca desde o barroco ata a música contemporánea, Díaz ponse á fronte da Real Filharmonía tras dirixir concertos en España, Portugal, Francia, Alemaña, Romanía e Estados Unidos con algunhas das orquestras máis prestixiosas do mundo.

Xunto coa ‘Música acuática’ de Händel e a Sinfonía nº 40 en Sol Menor de Mozart, o Museo Centro Gaiás acollerá a estrea absoluta de ‘Auga Doce’, a tocatta para piano e orquestra composta por Juan Durán para a exposición homónima que acolle a Cidade da Cultura ata o 14 de setembro.

Juan Durán, que vén de ser galardoado co Premio da Cultura Galega en recoñecemento ao seu labor no mundo da música, busca nesta peza duns quince minutos de duración evocar o suave fluír da auga, a súa luminosidade e doce tintineo. Para iso estará acompañado por Javier Otero no piano solista, un dos pianistas españois con maior proxección nacional e internacional e caracterizado por posuír unha precisión e unha técnica impecable cun carácter e un estilo que fusionan xuventude, frescura e vitalidade.

Festa da música, de balde
Para asistir ao concerto do Día da Música na Cidade da Cultura só haberá que achegarse entre o 14 e o 21 de xuño ao mostrador de recepción do Museo Centro Gaiás e solicitar, totalmente de balde, a súa invitación (máximo: dúas por persoa).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar