Un centro de educación ambiental de Ourense recibe o Premio de Sostibilidade

 

 

Premio As Corcerizas_Baltar O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe no acto de entrega do premio internacional “Fondo de sostibilidade” ao Centro de Educación Ambienta das Corcerizas que estas instalacións “son un referente en concienciación e divulgación ambiental polo gran labor que desenvolve a prol dun medioambiente máis sostible e eficiente”. O presidente provincial subliñou que o uso das enerxías limpas encaixa perfectamente co proxecto de “goberno verde e ambiental” da administración provincial. “A Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, que elabora o Observatorio da Sostibilidade, conta coas Corcerizas como centro de referencia e aposta polo seu desenvolvemento e promoción para que cada vez sexan máis os visitantes, tanto nacionais como internacionais, que se acheguen a este espazo ambiental de excelencia”.

O acto de entrega do premio, celebrado no centro das Corcerizas (Vilar de Barrio), contou coa presenza, ademais de Manuel Baltar, do director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro; da directora das Corcerizas, Paula Vidal; o xerente da Rede Española de Albergues Xuvenís, Sergio Montoya, e o presidente de Amigos da Terra, Víctor Barro. O galardón, cunha dotación de 30.00 euros, premia o proxecto de autosuficiencia enerxética desenvolvido nas instalacións das Corcerizas, e servirá para dar continuidade a esta iniciativa e favorecer a súa divulgación.

O premio de ámbito mundial, outorgado por Hostelling International, ten como finalidade a conservación do medio ambiente, apoiando proxectos dirixidos a mellorar o patrimonio natural mediante a redución das emisións de carbono. Precisamente, o acto de entrega do galardón serviu tamén para clausurar o programa escolar “Reduce a túa pegada de carbono!”, unha das actuacións ás que se destina o premio.

As Corcerizas foi elixido entre os albergues da Rede Española de Albergues Xuvenís para representar ao Estado español, chegando a estar entre os 15 finalistas mundiais. Nunha segunda fase realizouse unha votación popular, na cal as tres iniciativas máis votadas foron as gañadoras dos premios, o que permitirá mellorar a sostibilidade dos centros e as súas contornas. Desta maneira, As Corcerizas acada o premio de ámbito mundial ante países como China, Brasil ou Alemaña, demostrado así a calidade e sostibilidade das súas instalacións.

O Centro de Educación Ambiental das Corcerizas é pioneiro en Galicia e de referencia nacional no ámbito medioambiental. A Deputación de Ourense apoia a súa dinamización ao integralo nunha rede de concienciación e divulgación ambiental e nas accións que en materia de medio ambiente inclúe o Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa. Desta maneira, a Deputación da un paso máis na súa política a prol do medio ambiente co apoio a este centro e a renovación das súas infraestruturas, poñendo asemade en valor o traballo que desenvolve As Corcerizas no eido medioambiental, un centro que pertence á Deputación e que está xestionado, por medio dun convenio de colaboración, por Amigos da Terra.

O centro foi concibido dende a perspectiva de coherencia e sustentabilidade tanto na súa planificación, construción, xestión e uso. O equipamento consta de dous edificios de nova creación, o comedor e a aula, feitos segundo os modelos de arquitectura bioclimática e baixo criterios e materiais de bioconstrución; un albergue de 40 prazas, rehabilitado tamén seguindo a mesma perspectiva; e o centro de xestión enerxética, a “Casa das enerxías”, onde se controla o almacenamento mediante baterías estacionarias e a distribución da enerxía xerada das distintas fontes renovables coas que conta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar