O Foro «Transforma Ourense» chegou a Bande

Baltar_Bande_Transforma Ourense

O Foro «Transforma Ourense», que pon en marcha a Deputación de Ourense co obxectivo de favorecer a creación de emprego e emprendemento no rural ourensán, terá a súa continuidade cos visitas guiadas para que os participantes coñezan experiencias de éxito empresarial, que lles permitan recabar información práctica para aplicar estes coñecementos na creación do seu propio proxecto empresarial. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou o evento na Sala de Conferencias do Centro Aquis Querquennis de Bande xunto co alcalde do municipio, José Antonio Armada, impulsor da idea, unha xornada que ten como obxectivo promover iniciativas para emprendedores e desempregados no medio rural.

No foto expuxéronse exemplos de proxectos agroalimentarios, cooperativas, recursos naturais e forestais, banco de terras, montes en man común e aspectos financeiros e empresariais, que proximamente os participantes coñecerán «in situ» grazas a rolda de visitas guiadas que a Área de Benestar da Deputación de Ourense organizará para que emprendedores e desempregados conten con toda a información teórica e práctica necesaria para poder facer realidade o seu proxecto empresarial.

Manuel Baltar expresou o seu agradecemento ao alcalde de Bande por esta iniciativa e a Área de Benestar da institución pola organización e o éxito de participación acadado, «porque iniciativas como esta nos permiten poñer en valor o potencial e a riqueza do noso territorio provincial para que emprendedores e desempregados poidan iniciar un proxecto empresarial baseándose en experiencias que teñen demostrado unha contrastada calidade e un éxito incuestionable, tanto nacional como internacionalmente».

Baltar lembrou que a Deputación de Ourense está sempre apoiando iniciativas como esta «que buscan a mellora da nosa competitividade e que permiten que as persoas que teñan a ilusión de emprender un proxecto empresarial poidan facelo». Este foro xurde das medidas contempladas no Plan Ourense 92, como o Observatorio Económico Ourensán, «que nos serve de instrumento para coñecer, entre outros, datos sobre variables de emprego e do sector primario na nosa provincia, co fin de deseñar políticas e tomar as mellores medidas para sermos máis competitivos», afirmou o presidente provincial.

Manuel Baltar dixo que o gran problema contra o que temos que loitar é o baixo índice demográfico, «algo que afecta a toda Galicia pois o 30% das persoas que vive nos 314 concellos galegos son maiores de 65 anos. Iso implica traballar en tres elementos: territorio, poboación e identidade, para poñer en valor as grandes potencialidades que temos e saber aproveitalas».

Nas xornadas, os relatores –empresarios e técnicos- deron a coñecer iniciativas empresariais e proxectos de éxito dando a súa visión das ferramentas que os emprendedores teñen a súa disposición para iniciar un proxecto empresarial no rural e as potencialidades que este medio ten. Foron 14 relatorios específicos sobre agroalimentación, viveiros, produción de olivo e aceite, apicultura, banco de terras, xestión das augas, comercio electrónico orientado á comercialización de produtos do medio rural, loxística, aproveitamento do monte, patrimonio e turismo, que terán a súa continuidade noutras comarcas da provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar