A embaixada de España en Xapón acolle unha exposición sobre o Camiño de Santiago

Feijóo_Xapón_Japón_expo obras Camiño de Santiago_2O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o “pouso común” existente entre as rutas de espiritualidade de Galicia e de Xapón, rutas, dixo que “transcenden fronteiras” e “desafían o tempo”.

Durante a inauguración, na Embaixada de España en Xapón, da mostra Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago e da Exposición de Obras de Munehiro Ikeda -esta última organizada en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón- o mandatario galego incidiu na “continuidade” existente entre “os nosos Camiños”. “Somos pobos determinados polos Camiños. O Camiño conecta pobos distantes, rompe o illamento, abre horizontes e invita ao diálogo”, aseverou.

O titular da Xunta aludiu, na súa intervención, aos elementos comúns que unen e caracterizan os pobos galego e nipón: “o pasado”, “a tradición” ou “a herdanza dos maiores”, que dixo, “sempre está presente, non para ancorarnos na nostalxia, senón para facernos máis fortes no presente”.

Así, tras confesar que admira “moitas cousas” do pobo xaponés, o mandatario galego referiuse, en particular, á súa capacidade para “irmandar o novo e o vello”. “A modernidade non desnaturalizou Xapón. O Xapón moderno non é unha mera imitación de modernidades estranxeiras, senón nación orgullosa do seu paso pola historia”, sinalou ao respecto.

Na mesma liña, lembrou que tanto o galego coma o nipón son “pobos tradicionais” pero tamén “pobos modernos”. “Onde algúns observan unha contradición –explicou-, xaponeses e galegos vemos reforzo, complementariedade”.

Feijóo_Xapón_Japón_expo obras Camiño de Santiago

 

O presidente da Xunta aludiu, en especial, ao Camiño de Santiago. A este respecto indicou que a actual Unión Europea “non nace en torno a tratados negociados por grandes dirixentes; máis ben –matizou-, habería que dicir que eses tratados foron consecuencia dunha irmandade que comeza a forxarse en torno ao Camiño de Santiago”. “Os peregrinos son os primeiros europeos. A xente que ía a Galicia non o facía como francesa, alemá ou italiana, pero retornaba convertida en europea”, concluíu ao respecto.

 

EXPOSICIÓN «ARTE E RITUAL»
A axenda do día do presidente da Xunta en Xapón finalizou coa inauguración, na sede do Instituto Cervantes de Tokío, da exposición Arte e ritual na Catedral de Santiago, que agrupa as fotografías que tomou no templo compostelán Luis Gabú, do que resaltou a súa devoción polas diferentes manifestacións da espiritualidade.

Segundo o mandatario autonómico, estas imaxes testemuñan que ese elemento, “que une a través do tempo e do espazo a xaponeses e galegos”, pode manifestarse “de formas diversas, mediante liturxias relixiosas ou sen elas, pero nunca deixa de acompañar o ser humano”. E engadiu que “o Camiño e a Catedral son a proba palmaria de que esa característica resiste a modernidade e non se disipa coas novas tecnoloxías”.

“Non é a primeira vez que un artista da fotografía entra na catedral de Santiago pero si pode dicirse que é a primeira vez que o fai deste xeito”, resaltou o titular da Xunta, para quen as fotografías de Gabú son “pequenos fragmentos de vida que dan fe da enerxía emotiva que atesouran o Camiño e a Catedral de Santiago” e veñen sumarse “a todo esa inmensa ponte de relacións entre Xapón e Galicia”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar