Louzán salienta a fortaleza do turismo e a consolidación das Rías Baixas

Louzán_declaracións congreso PP pontevedra Silleda

O  presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou en Sanxenxo a capacidade do sector turístico de adaptarse aos novos tempos e amosouse convencido de que non só é un “dos sectores máis potentes da provincia e que mellor está sabendo resistir a crise económica” senón que “tamén vai marcar o camiño da recuperación”.

Louzán fixo estas declaracións no acto de inauguración do III Foro Turismo de Sanxenxo, onde reiterou a capacidade de crecemento das Rías Baixas como destino turístico, dado que reúne todas as condicións necesarias para dar resposta ás novas tendencias do mercado e ás novas demandas do turista.

Un turista, dixo, “que non busca tanto ver como vivir, non busca tanto descansar como disfrutar, non busca tanto viaxar como coñecer”, polo que se “as Rías Baixas teñen moito que ofrecer ao tradicional turista de sol e praia, moito máis aínda poderá ofrecer a ese novo turista que busca experiencias e vivencias”.

Así, lembrou que a provincia de Pontevedra ten que ser quen de posicionarse no mercado como un “destino turístico integral e completo” no que, baixo a marca Rías Baixas, se ofreza ao posible visitante unha amplísima oferta de costa e interior na que, a moi poucos quilómetros de distancia, pode atopar múltiples atractivos: culturais, etnográficos, gastronómicos, deportivos, paisaxísticos, termais, artísticos, arquitectónicos…

Outro dos grandes retos é, segundo o presidente da Deputación, seguir avanzando na internacionalización do destino e captando a atención de novos mercados.

Neste sentido, apostou por seguir traballando man a man o sector público e o privado e pola busca e aplicación de novas formas de promoción das Rías Baixas e de contacto co potencial cliente.

Destacou que a Deputación de Pontevedra ten en marcha numerosas iniciativas que afectan tanto á mellora das instalacións e infraestruturas, como á diversificación da oferta e posta en valor dos múltiples e variados recursos que ten a provincia, á captación de novos clientes e novos nichos de mercado ou a fórmulas novidosas de dinamización e difusión do destino.

A modo de exemplo citou “a aposta pola accesibilidade de praias e itinerarios turísticos; a mellora do Camiño portugués; o traballo de recuperación de castros e xacementos arqueolóxicos; a creación de rutas de sendeirismo e establecementos totalmente accesibles (como as Pousadas de O Salnés); a recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico; os novos modos de promoción e difusión turística por medio de eventos con gran capacidade de atracción, como a Volta a España ou o Surf Rías Baixas Pro”.

Todos eles complementan o “proxecto central de Turismo Rías Baixas neste momento”, que é Smart Destinations, co que a provincia aspira a converterse nun dos primeiros destinos turísticos intelixentes de España, traballando co tecido empresarial e facéndoo partícipe da definición dun novo modelo de prestación de servizos no que a utilización das novas tecnoloxías é clave para coñecer as novas demandas, darlle a mellor das respostas e acadar unha maior fluidez na relación destino-visitante.

Queremos, asegurou Louzán, que o que hoxe por hoxe é xa un sector estratéxico na provincia, non “perda o tren do futuro” e adopte “unha actitude proactiva para adaptarse ás novas necesidades” e seguir medrando.

11% do tecido empresarial

Lembrou que Pontevedra –baixo a marca Rías Baixas– é, hoxe por hoxe, un destino de calidade recoñecido a nivel nacional e internacional, de forma que o sector “representa o 11% do tecido empresarial da provincia, case o 12% do PIB, da emprego a preto de 40.000 persoas e está consolidado como o 7º destino nacional”.

Algo que é posible grazas á “aposta pola calidade e a mellora dos servizos”, que se está a ver recoñecida “cun crecente número de distintivos internacionais”, como as 59 bandeiras azuis das praias da provincia, as 7 bandeiras a portos deportivos, os 7 sendeiros azuis, os 6 centros azuis ou os 115 certificados de excelencia que a prestixiosa Tripadvisor acaba de concederlle a establecementos e lugares de interese da provincia.

Uns logros, dixo, “que se gañaron con varias décadas de esforzo de centos de empresarios, con anos de profesionalización e traballo entregado de milleiros de persoas nas diferentes ramas de actividade do sector, e coa colaboración e o empeño das administracións, que confiaron e confían na potencialidade das Rías Baixas”.

Por iso agradeceu e felicitou aos organizadores do III Foro Turismo de Sanxenxo, porque con este tipo de actividades demostran que “o sector turístico están pola labor de dar pasos atrás nos grandes logros que se teñen acadado nos últimos anos” e que “entendeu perfectamente” que os novos tempos reclaman “un exercicio de adaptación aos cambios, de análise das novas necesidades e resposta axeitada a elas”.

“Creo –concluíu- que o destino Rías Baixas está nese camiño, que percibiu desde o primeiro momento os cambios que se aveciñaban, e foi quen de adiantarse e empezar a traballar de forma firme para que o futuro non nos colla co pé cambiado”.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar