Un foro feminino de emprendemento analizará en Ourense o traballo rural

Presentación do Foto de emprego. Asisten Manuel Baltar e Carla Reyes.
A Deputación de Ourense e a Asociación de Executivas de Galicia poñen en marcha un foro de emprendemento feminino e desenvolvemento rural sostible para analizar iniciativas laborais aplicadas ao medio rural. A xornada, que terá lugar o vindeiro 4 de xuño, mércores,  no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», analizará experiencias de éxito no eido empresarial promovidas por mulleres nos sectores da moda, o viño, agroalimentario e o medio ambiente para que sirvan de referente a mulleres desempregadas e emprendedoras que queira iniciar un proxecto empresarial no medio rural.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do foro a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta de «Executivas de Galicia», Carla Reyes. Baltar destacou que o goberno provincial «aposta sempre por iniciativas que favorezan a creación de emprego e polas políticas necesarias para a xeración de proxectos empresariais e de emprendemento, e esta é unha desas accións, enmarcada sinaladamente no ámbito do emprego feminino».

POTENCIAIS AGROALIMENTARIO, TERMAL E TURÍSTICO

O presidente do goberno provincial afirmou que os concellos da provincia de Ourense «teñen un gran potencial nos ámbitos agroalimentario, termal, turístico e patrimonial que temos que aproveitar, e foros como este, didácticos e prácticos, contribuirán a mellorar a empregabilidade das mulleres e a situación socio-económica da nosa provincia».

Pola súa banda, Carla Reyes explicou que Executivas de Galicia e a Deputación de Ourense «compartimos a idea de que o medio rural ofrece moitas posibilidades para emprender en feminino, tanto en sectores tradicionais como en mercados emerxentes», e dixo que non hai que poñer límites aos proxectos empresariais no medio rural por mor da súa localización xeográfica, «pois as novas tecnoloxías son unha gran canle que facilita a comunicación e a comercialización».

VISIBILIDADE DAS MULLERES

O obxectivo do foro é darlle visibilidade ás mulleres «historicamente agochadas das estatísticas», segundo Carla Reyes, » e para elo é necesario ofrecerlle oportunidades tanto ás que están emprendendo como as que padezan a situación de desemprego».

O foro, que será inaugurado polo presidente provincial, Manuel Baltar, o vindeiro 4 de xuño, ás 9.30 horas, contará coa participación de empresarias e representantes de mulleres rurais, Igape e Xunta de Galicia. Entre as relatoras figura Sofía Godoy Gómez-Franqueira, da Fundación Coren; Isabel Garrido, presidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense; Covadonga Toca, secretaria xeral do Igape; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; José Manuel Pérez Canal, xerente de Aceites Abril e presidente da CEO; Miguel Ángel Viso, presidente da D.O. Ribeiro; Mónica Cordera, deseñadora; Esther Merlo, responsable do Departamento de I+D+i de Madera Plus Calidad Forestal; Anal Méndez, directora de Bodegas Grupo Reboreda Morgadío, e Rosa Corral, representante da firma La Colmena de Sofía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar