Paloma San Basilio, esta noite no «Luar»

Paloma San Basilio_sanbasilio

Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro chegan un venres máis fieis á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia cun completo repertorio de propostas de entretemento, musicais e de humor, que converterán esta noite nun tempo de lecer inesquecible.

A presente edición, dedicada aos maios, contará coas actuacións da Agrupación Folclórica Cántigas e Frores, dos nenos pandereteiros de Os Fillos de Pepa A Loba, da Banda de Música do Rosal, de Nova Galega de Danza e da orquestra Los Satélites.

“Luar” brillará amais coas intervencións maxistrais de Paloma San Basilio, que segue a despedirse dos escenarios repasando as mellores cancións da súa carreira de éxito, e da voz tamén marabillosa e inequívoca da monfortina Rosa Cedrón. Precisamente, Luis Emilio Batallán interpretará a dúo con Cedrón o tema Aí vén o maio. Completan este destacado elenco musical, The Quarrymen, banda lendaria e embrión de The Beatles, que está en Galicia para actuar como cabeza de cartel nunha gala solidaria organizada por Médicos sen Fronteiras, e Olive Hurley Irish Dance.

Por outro lado, desenvolveranse novas edicións dos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos” e, no relativo ao humor, cómpre salientar a presenza esta noite de Víctor Bascoy, o gañador do concurso de chistes de “Luar” a temporada pasada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar