«Transformando Ourense» analiza iniciativas para desempregados

Baltar_Foro Transformando Ourense_alcalde Bande
A Deputación de Ourense pon en marcha unha iniciativa para favorecer a creación de emprego e emprendemento no rural ourensán: o Foro Transformando Ourense (TOU), que ten como obxectivo visibilizar e propoñer proxectos e exemplos de éxito no eido empresarial para que sirvan de referente a emprendedores e desempregados que teñan unha idea para desenvolver no medio rural. O foro, que terá lugar os días 29, 30 e 31 de maio na Sala de Conferencias do Aquis Querquennis de Bande, foi presentado hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» de Ourense por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada, e o director da Área de Servizos Sociais do ente provincial, José Juan Cerdeira.

Nas xornadas exporanse iniciativas empresariais e proxectos de éxito dos ámbitos agroalimentario, cooperativas, recursos naturais e forestais e aspectos financeiros e empresariais, a cargo de empresarios e expertos, que darán a súa visión das ferramentas que os emprendedores teñen a súa disposición para iniciar un proxecto empresarial no medio rural e as potencialidades que este medio ten. Desta maneira, haberá relatorios específicos sobre agroalimentación, viveiros, producción de olivo e aceite, apicultura, banco de terras, xestión das augas, comercio electrónico orientado á comercialización de produtos do medio rural, loxística, aproveitamento do monte, patrimonio e turismo.

Manuel Baltar explicou que este foro «abrangue un amplo abano de posibilidades empresariais para os emprendedores, que a deputación pon en marcha logo de analizar, no Observatorio Económico Ourensán, a necesidade de impulsar iniciativas que contribúan a potenciar o noso medio rural». Baltar detacou que o Plan Transforma Ourense ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e a situación das novas empresas, «e para elo céntrase entre tres eixos como son: o empresarial, coa colaboración cos parques empresariais da provincia de Ourense en materia de internacionalización; o Plan Estratéxico de Parques Empresariais, achegando datos de solo empresarial e descricións destes entornos; e o Plan de Emprendemento, que asinamos coa Escola de Organización Industrial, xunto cunha liña de colaboración coa Fundación Incyde, para impulsar actividades de emprendemento empresarial na provincia de Ourense».

O presidente do goberno provincial subliña que o Foro Transformando Ourense «é un paso máis para dinamizar o rural e estimular o autoemprego e cooperativismo no medio rural, unha iniciativa esta que partiu do alcalde de Bande, a quen lle agradecemos a súa proposta, que logo de ser desenvolvida en Bande irá tamén a outras comarcas da provincia».

Ao longo dos tres días que durará o foro exporanse 14 relatorios, concibidos todos cunha finalidade didáctica, onde o asistentes terá a posibilidade de acceder a unha información concreta e de interese sobre cada tema, «onde pretendemos resolver preguntas e achegar solucións aos emprendedores e ás persoas desempregadas. Queremos que quen se achegue ao foro cunha idea poida saír cunha solución», explicou José Antonio Armada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar