Besteiro celebra a «altura de miras» de Rubalcaba

Besteiro_rolda de prensa post electoral_eleccións europeas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, eloxiou a «altura de miras» do seu xefe de filas a nivel federal, Alfredo Pérez Rubalcaba, quen este mesmo luns anunciou un congreso extraordinario para elixir unha nova dirección socialista tras a perda de apoios constatada nas eleccións europeas.

Besteiro sinalou este luns que os resultados que o seu partido obtivo en Galicia nas eleccións europeas supoñen un «repunte» na porcentaxe de votos se se toman como referencia os últimos comicios autonómicos, celebrados en 2012.

«Creo honestamente, que a situación é mellor», remarcou Besteiro, toda vez que os socialistas obtiveron este domingo en Galicia o 21,7 por cento das papeletas e que hai dous anos quedaron no 20,5 por cento.

En todo caso, en rolda de prensa tras analizar coa cúpula do PSdeG os resultados, admitiu que non eran «os esperados» e que «non son satisfactorios». «É unha obviedade», sinalou, e xulgou que «un punto e medio máis» que en 2012 «non é suficiente».

Non obstante, a ese leve «repunte» do que falou sumou como punto «positivo» o feito de que o PP obtivera 354.000 votos en Galicia e a suma dos partidos de esquerdas, 479.000. «Hai unha clara maioría de esquerdas», destacou, sen deixar de facer fincapé en que os populares rexistraron o seu peor dato «en 30 anos».

«PENSAR DE FORMA OPTIMISTA»

«Vexo determinadas cuestións que me fan pensar de formar optimista, positiva e construtiva de cara ao futuro, e esa é a senda que queremos seguir», verbalizou, e avanzou que o seu partido «traballará máis e mellor para merecer mellores resultados».

Nese sentido, aseverou que a formación socialista «toma nota» do acontecido e que focalizará o seu labor, coa vista posta nas municipais do ano próximo, en «recuperar» os que se abstiveron ou optaron por outros partidos.

Así, tras reiterar que o PSdeG se consolida «claramente» como segunda forza en Galicia, o que supón –ao seu entender– «un chamamento» a que «protagonice os cambios de futuro», ofreceu «humildade» e «proximidade» á cidadanía para converterse no partido maioritario. De feito, augurou xa unha «mellora» nos comicios locais.

AUTOCRÍTICA

Ante a insistencia dos xornalistas, asegurou que si fai autocrítica e que as súas afirmacións non son nin «unha escusa» nin «un bálsamo» para xustificar a perda de apoio.

E, con respecto á estratexia que seguirá o partido para recuperar a confianza dos electores, Besteiro indicou que traballará «de forma responsable» e con propostas «progresistas», pois ten «vocación de goberno».

O que descartou é que o mantemento de imputados nos seus cargos supuxera un desgaste para o PSdeG, xa que, segundo dixo, o electorado valora «a coherencia» e que o partido teña «un criterio» con respecto á corrupción.

Finalmente, cuestionado acerca da irrupción de Podemos no Parlamento europeo con cinco eurodeputados, expresou o seu «máximo respecto» por esta formación pero sinalou que haberá que ver se perdura máis «dunha ou dúas convocatorias».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar