Encontro de voluntarios da Cruz Vermella de Galicia

Conselleira Mato_Cruz Bermella

Uns 500 voluntarios de Cruz Vermella Galicia participaron este sábado nun encontro multitudinario para recoñecer o seu traballo no Pazo de Congresos e Exposicións. Nesta xornada premiouse a unha persoa coa medalla de ouro, a sete coa de prata, a catro coa de bronce e a outras tantas con diplomas de honra.

Aínda que foron uns 500 voluntarios os que acudiron a este encontro, a Cruz Vermella dispón en Galicia duns 20.000. O obxectivo desta xornada é recoñecer tanto o traballo que realizan na rúa como ás persoas homenaxeadas.

Cruz Vermella cumpre este ano 150 dende a súa fundación en 1864. A presidenta autonómica en Galicia, Carmen Colmeiro, cualificou este día como «moi grande», xa que «150 anos dunha actividade diaria son moitos anos». «Hai moi poucas ONG que teñan 150 anos», subliñou.

Preguntada pola incidencia que tivo a crise na institución, Colmeiro explicou que a Cruz Vermella se «adaptou moito a problemática actual». E é que recordou que, a nivel nacional, están a axudar a «case 300.000 persoas».

No que respecta ás doazóns dos socios, Colmeiro sinalou que, tras a crise, a xente «sempre se portou ben» con Cruz Vermella. De tódolos xeitos, admitiu que a institución «tiña un pequeno colchoncito» do que «están a tirar».
«INSTITUCIÓN RECOÑECIDA NO MUNDO»

Pola súa parte, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen tamén estivo presente no encontro, destacou que a Cruz Vermella é unha institución «recoñecida no mundo enteiro e en Galicia».

Así mesmo, recoñeceu o labor daqueles voluntarios «que empregan o mellor deles, que é o seu tempo». Así, eloxiou a dedicación destas persoas por favorecer ás «familias desestruturadas, aos que sofren ou aos máis débiles». Tamén recordou o labor dos voluntarios no accidente de Angrois.

Para Mato, todos estes voluntarios son «heroes anónimos que dan todo a cambio de nada». Sobre isto, sentenciou que «unha sociedade mostra a súa madureza e solidez cando ves como se trata a xente que peor estao a pasar».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar