Renovado o convenio para a casa de acollida de Ferrol

Rey Varela_Rueda_convenio casa acollida mulleres Ferrol

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovaron hoxe a colaboración entre a Xunta e o Concello para o mantemento da casa de acollida da cidade, nun acto no que tamén estivo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Alfonso Rueda destacou a importancia que teñen os centros de acollida que ofrecen recursos especializados na acollida, atención e recuperación das mulleres que sofren violencia de xénero e dos menores que teñen ao seu cargo. Permitindo así que estas mulleres teñan un lugar de referencia a onde acudir, recibindo por parte de profesionais unha atención integral que vai dende a psicolóxica á sociolaboral, pasando pola xurídica ou a educativa.

 

 

A casa de acollida de Ferrol é un dos centros que existen na rede de acollemento de Galicia, en cuxo mantemento colaboran tanto a Xunta, coma os concellos e outras institucións, e que o ano pasado atenderon máis de 150 mulleres e 120 menores.

A Rede galega de acollemento engloba ás casas de acollida coma recursos especializados residenciais e temporais que ofrecen acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e teñen menores ao seu cargo que requiren un espazo de protección debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero, e que garanten un tratamento integral de atención e recuperación que abrangue aspectos psicolóxicos, educativos, sociolaborais e xurídicos para favorecer a normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade familiar e a superación dos efectos da violencia.

Unha rede de acollida que se complementa coas vivendas de seguridade para mulleres vítimas de explotación sexual e trata, polas que pasaron outras 51 mulleres e tres menores, e que se verá reforzada en menos dun mes coa posta en marcha en Santiago do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, un centro único do que só existe un similar en toda España.

Ademais, a Xunta colabora cos concellos galegos no mantemento dos Centros de Información á Muller; nos programas de promoción da Igualdade, da conciliación e da prevención da violencia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar