Galicia Calidade incorpora os viños da adega ourensá Quinta do Buble

 

Cabaleiro_adega Quinta do Buble_2

O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o director-xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron esta mañá entrega en Oímbra do certificado de uso da marca de garantía ao propietario da adega ourensá Quinta do Buble. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá ás empresas incluír o distintivo Galicia Calidade nas etiquetaxes, así como nas diferentes accións de promoción que leven a cabo.

Con esta incorporación Galicia Calidade, que certifica na actualidade 300 produtos e servizos de 50 empresas galegas, cunha importante presenza do sector vinícola, conta con dez adegas certificadas das cinco denominacións de orixe galegas: Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodega Castro Baroña, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Gargalo e Vilarvín, ás que se suma agora Quinta do Buble.

O delegado territorial e o director-xerente de Galicia Calidade destacaron que cada vez son máis os consumidores que buscan produtos amparados polo certificado de garantía galego xa que recoñecen nel “confianza, prestixio e calidade”.

Cabaleiro_adega Quinta do Buble

 

Quinta Do Buble S.L, dedícase desde o ano 2002, amparada pola D.O Monterrei, á elaboración de viños, utilizando como materia prima principalmente as variedades de Godello e Mencía, e servíndose tanto de métodos tradicionais como das técnicas mais avanzadas de vinificación para obter uns caldos con aromas e sabores propios do val de Monterrei.

As súas instalacións, situadas no Concello de Oímbra, ó sueste da provincia de Ourense, e recentemente reformadas, permítenlle na actualidade a elaboración dunhas 180.000 botellas anuais. Entre os seus produtos cabe destacar o seu “Quinta Do Buble Godello”, galardoado con numerosas distincións de prestixio internacional.

Un estrito control nas viñas, a minuciosa selección de uva, o coidado especial nas distintas fases do proceso e as singulares características do entorno natural, permiten a Quinta Do Buble, ofrecer viños que reflicten de maneira fiel o traballo realizado durante os últimos anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar