O vicepresidente chama ao consenso para erradicar «a lacra» da violencia de xénero

Alfonso Rueda_comparecencia Parlamento_violencia xéneroO vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres do Parlamento galego, onde apelou á unidade e ao traballo conxunto para avanzar na erradicación da violencia de xénero.

Na súa intervención, Rueda mostrouse convencido de que especialmente neste ámbito é preciso trasladar unha mensaxe de unidade e consenso, “sen fisuras”, e de que a Comisión convocada esta mañá constitúe un paso positivo para visibilizar aínda máis ese compromiso compartido.

Segundo explicou o vicepresidente, a loita contra a violencia machista require dunha acción sostida en dúas frontes: dunha banda, a protección e asistencia integral ás vítimas; pola outra, a sensibilización, a investigación e a formación. Ademais, esta acción debe facerse de maneira coordinada entre todos os axentes públicos implicados e actuando desde a transversalidade e a colaboración.

 

 

Respecto á protección e asistencia integral ás vítimas, Rueda lembrou que desde 2006 máis de 2.600 vítimas accederon ás axudas económicas da Xunta -cun investimento superior aos 20 millóns de euros- e 2.300 mulleres, nenas e nenos foron usuarios das casas de acollida galegas. Ademais, 2.643 persoas foron atendidas nos programas de asistencia psicolóxica e desde a súa entrada en funcionamento os CIM recibiron preto dun millón de consultas.

Doutra banda, o número dous da Xunta incidiu na necesidade de intensificar os esforzos nas estratexias de prevención, sensibilización, formación e educación; un proceso de longo recorrido, con resultados que tardan en ser visibles, “pero que atacan á raíz do problema: os estereotipos e os patróns machistas”.

Con este obxectivo, Rueda apostou por reforzar a educación en igualdade desde a escola, un aspecto no que se seguirá traballando a través do Plan Proxecta, impulsado pola Consellería de Educación. Neste ano 2014, continuaranse desenvolvendo programas en centros educativos; ao tempo que se vai iniciar un programa de actividades didácticas en colexios, con participación dos axentes da Policía Autonómica

Así mesmo, recentemente tamén se puxo en marcha o Observatorio Galego para a Violencia de Xénero, cuxa Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista velará pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola incorporación de accións positivas neste eido. Rueda referiuse tamén a colaboración cos concellos a través da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero e aos máis de 5.000 profesionais que se formaron durante 2013, dende unha perspectiva integral e multidisciplinar.

O vicepresidente da Xunta finalizou a súa intervención insistindo en que “saír da violencia é posible” e que para iso é necesario que as mulleres e a sociedade en xeral denuncie calquera manifestación da violencia de xénero para que as administracións poidan poñer en marcha todos os recursos postos a disposición das mulleres e menores vítimas desta lacra.

Neste sentido, asegurou que é fundamental que estas mulleres se sintan acompañadas en todo momento, o que esixe “traballar o encaixe das diversas pezas que conforman o sistema de protección”. Un traballo que sempre debe estar coordinado e facerse desde a unanimidade das forzas políticas, sociais e institucionais, a través do diálogo e o consenso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar