O conselleiro de Cultura participa no encontro cos deseñadores

 

Xesús Vázquez_deseñadores Gaias_2

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura na xornada organizada pola Asociación Galega de Deseñadores, que terá como poñentes a dous premios nacionais de deseño do prestixio de Enric Satué e Alberto Corazón. Vázquez Abad agradeceulle á Asociación Galega de Deseñadores a posta en marcha desta iniciativa “que impulsa un eido profesional do que case podemos dicir que define e singulariza a sociedade contemporánea.”

O titular de Cultura, indicou que a chegada dos devanditos artistas á Cidade da Cultura marca “unha etapa fascinante para a nosa sociedade: aquela na que a liberdade se instalaba entre nós, no seu lugar natural, e permite que o criterio e actividade intelectual se expresen na súa diversidade”. O conselleiro tamén destacou a obra destes deseñadores, que foron os encargados “dese primeiro contacto visual entre o libro de contidos esenciais e a persoa interesada nunha lectura que a enriquecese humanamente.

Vázquez Abad, rematou a súa intervención felicitando á Asociación Galega de Deseñadores pola iniciativa que permitirá que “a imaxe de Galicia, no sentido estrito e no extenso, gañe co que nos traian estas horas inmediatas.”

A xornada está organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG) dentro do ciclo #charlasnaDAG e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na liña das #charlasnaDAG, esta xornada xira ao redor de cuestións de plena actualidade no eido profesional do deseño e pretende servir de punto de encontro para que profesionais e futuros deseñadores debatan sobre aspectos como a procura de traballo, os concursos, a estratexia, a reputación ou as relacións co cliente e os medios. Este encontro terá un formato aberto para favorecer o diálogo entre o público convidado e os asistentes.

PREMIOS NACIONAIS DE DESEÑO

Nesta ocasión, os deseñadores convidados son Enric Satué (http://enricsatue.com) e Alberto Corazón (http://www.albertocorazon.com), figuras esenciais na historia do deseño no Estado; ambos os dous galardoados co Premio Nacional de Deseño en 1988 e 1989, respectivamente. O condutor do coloquio é o deseñador galego Pepe Barro.

Enric Satué, foi membro nos anos 60 do coñecido movemento de intelectuais e artistas “gauche divine”, do que actualmente ocupa altos cargos en empresas públicas e privadas. A súa gran oportunidade profesional chegoulle nos anos 70 co deseño da revista CAU, que tras acadar gran éxito encheu con asiduidade o campo visual en editoriais como Alfaguara, La Gaya Ciencia ou a reforma da colección Austral da editorial Espasa-Calpe.

Alberto Corazón, comeza a súa traxectoria profesional nos anos 60, deseñando produtos editoriais e de cartelería. As súas inquedanzas artísticas tamén o levan a explorar o deseño industrial, a edición, a pintura ou a escultura. No ano 2006 é elixido membro da Academia de San Fernando, o que introduciu por primeira vez o deseño como disciplina académica nesta institución.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar