Detido o autor confeso de tres incendios forestais

A Policía Autonómica detivo ao autor confeso de tres incendios forestais acontecidos no municipio coruñés de Boiro entre os días 12 e 13 de maio na parroquia de Bealo e que arrasaron unha superficie de 1.700 metros cadrados de monte raso.

O detido conta con diversos antecedentes por feitos similares, polo menos en 11 incendios acontecidos nos últimos anos nas inmediacións dos lugares de Armada e Galea. En concreto, segundo detallou a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, trátase dun lume acontecido en 2005, nove en 2011 e outro en 2012, no que arderon 255 hectáreas de monte.

En todos os casos, o detido mostrou o mesmo ‘modus operandi’ en canto ás horas de inicio, uso directo do lume mediante mistos e zonas, pois se produciron nun radio de 500 metros do lugar de Armada, nas marxes dos camiños de terra de acceso aos terreos.

O departamento autonómico indicou que a Policía AutonómicA informou dos feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

LUMES EN MESÍA E CULLEREDO

Asemade, os axentes de Santiago tamén informaron da imputación dun veciño do Concello de Mesía, en A Coruña. O lume que se lle imputa a este home orixinouse nun escape dunha queima na que non se adoptaron as medidas de seguridade pertinentes. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ordes.

Pola súa banda, axentes da Policía Autonómica na Xefatura de A Coruña procederon tamén á imputación dun veciño de Culleredo, que tras realizar unha queima non autorizada e neglixente, ocasionou un incendio no que arderon 2.000 metros cadrados de eucaliptos. Neste caso, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de A Coruña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar