Mobilizacións en defensa da lingua

image

Miles de persoas saíron á rúa este sábado con motivo do Día das Letras Galegas para pedir «dar un paso adiante» e «outro adiante» a favor da lingua galega en diversas protestas convocadas pola plataforma ‘Queremos Galego’ en oito localidades de toda Galicia, celebrando concentracións, manifestacións e actos lúdicos.

Baixo o lema ‘Un paso adiante e outro adiante Galiza’, este colectivo que aglutina decenas de entidades sociais de diversos ámbitos convocou unha manifestación «expansiva» para animar á sociedade a elevar a lingua galega ao uso cotián «os 365 días do ano», que se celebrou de xeito simultáneo con actos ás 12.00 horas en Santiago, Vigo, A Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A capital galega, onde en principio estaba prevista unha concentración e un acto lúdico en Porta Faxeira, acolleu unha manifestación na que centos de persoas corearon consignas como «nas aulas da Galiza, en galego» e «na Galiza, en galego».

Nela participaron diversos membros do panorama asociativo e cultural galego, como Anxo Louzao (CIG-Ensino), o escritor Suso de Toro, e representantes de colectivos políticos, como Lidia Senra, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras de AGE, ou Camilo Nogueira e Ana Pontón do BNG. Entre outros, sumáronse Galiza Nova, Os Comités ou A Liga Estudantil.

Tras saír de Porta Faxeira e bordear a Praza de Galicia, onde un grupo de mozos portaban unha pancarta de ‘Ceivar’ na que se lía «defender a lingua non é delito», a marcha regresou ao punto inicial, onde se celebrou o acto central da convocatoria.

Alí fíxose lectura de manifesto de Queremos Galego por parte de diversos representantes de asociacións e colectivos, celebráronse actuacións musicais e a corearon cánticos. Ademais, representantes da cultura galega, como Suso de Toro ou Camba Campoy, entre outros, leron poemas de Xose María Díaz Castro, Manuel María, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, este último dedicado especialmente o presidente Alberto Núñez Feijóo coa frase «a túa ignorancia feriume» para sempre».

O GALEGO «RESISTE»

Marcos Maceira, presidente de A Mesa, reivindicou esta xornada para pedir «que o galego saia deste día» para estar «presente na sociedade os 365 días do ano, como lle corresponde». Ademais, pediu que se regrese «á legalidade» e á promoción do idioma e a identidade galega, e lograr que se posicione «en igualdade» co resto de linguas do Estado.

En declaracións aos medios, a candidata de AGE ao Parlamento europeo, Lidia Senra, destacou que acode a este acto «como unha cidadá máis» en defensa de ao lingua e avogou por elevar «a loita» ao marco da UE e conseguir «igualdade real».

O escritor Suso de Toro, pola súa banda, fixo fincapé en que «na práctica» non existe igualdade de dereitos lingüísticos no día a día, e que os galegos son «estranxeiros» no seu propio país, mentres a Xunta exerce «unha política contra a lingua» e nos tribunais se xulgan a novos «por defender» o idioma.

Nesta liña, Xosé Manuel Beiras arremeteu contra «a brigada de demolición» da lingua galega do «señor Núñez e compañía», aos que acusou de ser «cómplices» dunha política do Estado executada por «nazi-necios».

VIGO

Ao berro de «Feijóo, escoita, estamos de loita» ou «Manda carallo, sen galego e sen traballo» e acompañados dunha banda de música e gaiteiros, máis dun millar de persoas segundo a Policía (unhas 3.000 segundo a organización), saíron á rúa en Vigo para reivindicar «unha maior presenza» do galego en todos os ámbitos-

A marcha partiu pouco despois das 12,00 horas de Vía Norte e trasladouse ata o Museo Marco, onde os organizadores fixeron lectura dun manifesto conxunto da plataforma ‘Queremos Galego’.

Tal e como trasladou a voceiro da plataforma Marta da Costa, o obxectivo destas mobilizacións é «manter o espírito reivindicativo» para conseguir o apoio das institucións e «que velen pola saúde do idioma. «E así que o galego sexa unha lingua cada vez máis falada», destacou.

GALEGO «COMO BANDEIRA»

Celso Prada, membro do colectivo, reivindicou o uso do galego como «bandeira» do teatro, unha disciplina artística que, sinalou, «está sendo atacada» por múltiples axentes, como as redes de distribución. «Hai que utilizar o galego como modelo para a defensa do teatro», apostilou.

Ademais, o secretario da CIG en Vigo e membro da plataforma, Serafín Outeiro, esixiu «decencia cos idiomas», denunciando que o galego nalgúns ámbitos «está mesmo perseguido pola administración galega e española». Por iso, pediu que respecte» a lingua, insistindo en que «non só é un símbolo cultural, senón tamén símbolo da dignidade» dos cidadáns.

CONTRA A POLÍTICA «LINGÜICIDA»

Na manifestación tamén participaron diversos representantes do BNG. En declaracións aos medios, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, avogou pola promoción do idioma en todos os ámbitos, como o teatro e a literatura, onde actualmente «está marxinado pola Xunta», e noutros onde está sendo «case excluído», como a Xustiza, os negocios ou os medios de comunicación.

«Queremos vivir gozando da nosa cultura e do que a cultura produce», manifestou o voceiro, que esixiu que todos os galegos poidan «vivir con normalidade no país e coa súa lingua».

Pola súa banda, a candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, denunciou a política «lingüicida» da Xunta, que apostado por non dar «nin un paso atrás» na súa promoción e uso «aquí e en Europa».

Ademais, quixo dar un recoñecemento e especial mención aos cidadáns galegos que se atopan na diáspora e que «tamén manteñen viva a lingua» no día a día.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar