Guitiriz rende tributo á «luz» de Díaz Castro

Feijóo_Guitiríz_acto conmemortivo Díaz Castro_2

O pobo de Guitiriz, en Lugo, rendeu tributo este sábado a Xosé María Díaz Castro (1914-1990), autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2014, a quen prometeu que «esa luz» coa que «Galicia é máis fermosa» –en palabras do presidente da asociación cultural Xermolos, Alfonso Blanco Torrado– «non se «vai esvaecer».

No acto institucional a cargo da Xunta de Galicia no CEIP Lagostelle, previo ao tradicional plenario da RAG, o presidente da Asociación Cultural Xermolos, Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal de Díaz Castro, remarcou que «acertou a RAG» ao elixir o poeta para as Letras deste ano «poñendo este facho acendido» co que «Galicia é máis fermosa», xa que ‘a beleza fireunos para sempre’, afirmou citando o coñecido verso do escritor chairego.

A homenaxe na vila natal do autor arrancou co descubrimento dunha placa na que se pode ler un verso do poema ‘Coma unha espada’ da súa única obra publicada en vida, ‘Nimbos’, tras o cal María do Ceo puxo voz a unha peza escrita por Díaz Castro.

Esta homenaxe contou, entre outros, coa presenza da familia de Díaz Castro, como os seus tres fillos –Íñigo, Maite e José María–; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o deán de Santiago; así como membros da fundación Xermolos, amigos e veciños da zona.

Tras recordar as orixes labregos de Díaz Castro, Blanco Torrado chamou a atención sobre o feito de que o autor «foi un novo que tivo que emigrar» porque non atopaba traballo na súa terra como tradutor, e que «viviu como un emigrante», «como un desterrado como el dicía». Por iso, viviu «os días máis felices da súa vida cando retornou ao regazo da súa terra nai».

«Necesitamos nestes momentos difíciles que estamos a vivir da súa luz, como temos hoxe neste día fermoso, e da súa calor», deixou claro o presidente de Xermolos.

Foi José María Díaz, fillo do homenaxeado, quen en nome da familia agradeceu ao pobo de Guitiriz este recoñecemento, así como aos amigos que «tanto fixeron por difundir a obra» do seu pai.

 

Feijóo_Guitiríz_acto conmemortivo Díaz Castro_3

«UN EXÉRCITO PACÍFICO» DE PALABRAS

Neste acto, tomou a palabra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que «a forza» de Díaz reside nas súas palabras que «formaron un exército pacífico e incruento que derrota as circunstancias adversas, cabalga por enriba do tempo e se fai presente neste 17 do mes das flores».

«Coas súas palabras o noso país está a salvo», sostivo un Núñez Feijóo que puxo valor como cada autor galego «enche de luz a escuridade». «Aquí é ben certa a sentenza evanxélica de que no principio foi a palabra», enxalzou, xa que «cada galego nace cun tesouro de palabras».

Despois de recoñecer a figura de Díaz Castro como «un dos grandes políglotas do seu tempo», púxolle como exemplo de que «nada máis lonxe no seu pensamento que a crenza de que as linguas estean enfrontadas», pois considera que non poden estar illadas nunha «torre de marfil de influencias exteriores».

Por iso, cre que «o grande reto» que afronta «hoxe» Díaz Castro «é manter acendida a esperanza do idioma». «O Seu Galicia é a Penélope dunha nova odisea que tece e destece o seu destino esperando polo que tarda en chegar», proclamou parafraseando o poeta.

Así, Feijóo defende que «o galego é o que os galegos queiran que sexa», nun tempo no que «agora é o pobo o que ten o leme, a RAG quen marca o rumbo e as institucións as que exercen a súa protección».

Por este motivo, vai unha lingua galega «viva» en escolas, medios de comunicación ou través do «do dominio .gal» co que «o galego está xa para sempre no globo de Internet», de forma que «ningún tempo pasado foi mellor».

Así as cousas, o presidente da Xunta sinalou que o feito de que a sala do colexio de Guitiriz no que se levou a cabo esta homenaxe estivera chea «é unha homenaxe» parra «un artesán das palabras». «Un autor que non resultou periférico, senón que deixou unha pegada inmortal nas nosas vidas», asegurou.

«GUITIRIZ É UNHA FESTA»

Previamente, tomou a palabra o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen avogou por converter o día das Letras en «San 17 de maio», «un santo laico que non está nos altares, pero que está no corazón dos galegos».

A liña seguido, destacou que «Guitiriz é unha festa» dende hai meses» e «unha efervescencia», ao tempo que chamou a atención sobre como a obra de Díaz Castro «está no corazón do futuro» a través do contacto que os máis novos tiveron con ela nos últimos días.

Tras iso, recoñeceu «o alento intelectual» da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o seu «concurso económico» que permite que ‘Nimbos’ vaia ser traducido a diversos idiomas como o ruso ou o euskera. Así mesmo, valeuse da máxima de que «todo tradutor é un traidor», «para asegurar que no caso de Díaz Castro os tradutores non son moi traidores».

Finalmente, tras enxalzar a figura do poeta de Guitiriz, que é xa «o poeta de todos», Alonso Montero instou a que «os bos lectores» traballen «por unha Galiza que rimase con xustiza.

Antes destas palabras, o acalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, admirou o amor de Díaz Castro polo seu pobo e a súa «impaciencia por cambiar o ritmo pausado da súa terra». Todo iso nun acto no que Luis González Tosar, poeta e amigo do autor de ‘Nimbos’, leu uns versos do seu puño e letra en honra do chairego, de quen destacou o seu carácter «humilde» e a súa aposta por «un galleguismo integrador», para acabar recordando que estas Letras Galegas se converteron en ‘trending topic’ en Twitter.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar