Feijóo pide no Carballiño non dar un espazo na UE aos que non o teñen en Galicia

Feijóo_Carballiño

 

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos cidadáns que participen nos comicios do 25 de maio e vaian a votar para non dar un espazo no Parlamento Europeo aos que en realidade non o teñen en Galicia.

Así se expresaba o dirixente popular nun mitin no Carballiño, onde facía fincapé en que Galicia nada ten que ver cun partido como Bildu, xa que os galegos nin aceptan o seu fondo nin as súas formas. Do mesmo xeito, asegurou que Galicia é contundente contra grupos como Resistencia Galega.

Sen embargo, destacou que hai unha minoría –en alusión ao BNG- que traballa para que Bildu teña un escano e viva a costa de todos, e outra minoría –en alusión a AGE- que pide o voto para ter un escano e logo non ir aos plenos. Esta última, ademais, é ambigua con Resistencia Galega.

Segundo o dirixente popular, trátase dunha minoría que nada ten que ver con Galicia, nin co seu modo de ser nin de estar, pero que vai ir votar. Por iso, fixo fincapé en que os populares, co seu voto, teñen na súa man que quede en nada.

Como advertiu Feijóo, se non se vai a votar, eles estarán en Bruxelas e falarán en nome dos cidadáns durante cinco anos. Así, se non se vai votar, serán ambiguos con Resistencia Galega e riranlle a graza aos que non teñen ningunha graza, no nome dos cidadáns. Pero se se acode ás urnas, eles quedarán sen escano.

 

 

Segundo destacou Feijóo, o vindeiro 25 de maio España e Galicia xóganse moito máis nas eleccións do que pode parecer, xa que ese día elixirase a configuración do Parlamento que decide o 70% das leis que nos regulan e elixirase aos nosos representantes na Unión.

Por iso, o dirixente popular ve preciso participar para formar parte das decisións de Europa e non ter logo que queixarse do que nos mandan, e tamén para que quede clara cal é a voz das galegas e os galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar