Feijóo chama a votar para que «a coalición do PP coa xente» teña máis resultados positivos

 

Feijóo_Lugo_europeas

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves «a importancia de acudir ás urnas o 25 de maio» para que «a coalición do PP coa xente siga traendo máis resultados positivos» para o país».

Nun mitin en Lugo que contou coa presenza de máis de 600 persoas, o líder dos populares galegos afirmou que aos populares «lles importa a Unión Europea porque lles importan os problemas dos cidadáns, e dende aí se poden seguir arranxando».

Neste sentido, indicou que «co voto dos galegos se obrigou a que houbese gobernos que se centrasen no que debían, se freou a caída e se cambiou a dirección».

Por iso, agregou, o voto agora «é útil tamén» para sinalar «o camiño da recuperación, influír no que será o grupo maioritario da UE e para estar na parte de Europa que toma as decisións e non na que non lle queda outro remedio que as acatar».

 

Núñez Feijóo asegurou «non entender como se atreven a falar de defender España en Europa os que deixaron o prestixio do país a rentes de chan coa súa pésima xestión e ao bordo do rescate».

Así mesmo, preguntouse «como se atreven a erixirse en defensores do sector naval os que teñen no seu partido un comisario de Competencia que case o arruína».

Tamén cuestionou «como van pedir o voto baixo a bandeira de Galicia cando se presentan con Bildu ás eleccións ou como optan a un escano no Parlamento Europeo se a súa única proposta para Europa é destruír o seu proxecto».

Para o tamén presidente da Xunta, «todas estas mentiras teñen a súa razón de ser na preocupación que senten ao saber que van perder estas eleccións e que o Partido Popular vai volver ter a confianza maioritaria dos cidadáns».
CASTIÑEIRA E BARREIRO

O primeiro en intervir foi o voceiro do PP local, Jaime Castiñeira, quen proclamou ante o auditorio: «non todos os lucenses somos como Orozco e Liñares». Así, reivindicou «conseguir resultados a base de esforzo e traballo».

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Lugo e voceiro no Senado, José Manuel Barreiro, subliñou que Europa é «vital para o día a día». «Estamos convencidos diso e por iso queremos ter un papel activo en Europa», resaltou.

Neste sentido, Barreiro valorou que España pasase «de ser o problema máis importante en Europa a ser un elemento de referencia» e mostrouse convencido de que «Galicia é unha das principais locomotoras» na recuperación económica».

Á entrada do Pazo de Feiras de Lugo, onde se celebrou o mitin, concentráronse tres mozos que portaban pancartas e coreaban lemas contra a reforma da lei do aborto do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar