Xóvenes do BNG rexeitan a políticos lanzando maletas a sua imaxe

Lanzamento de maletas contra cartel políticos_Galicia Nova

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, simbolizou o seu rexeitamento ás políticas que «condenan á xuventude á emigración» cun lanzamento de maletas contra un panel coas caras do presidente do Goberno, Mariano Rajoy; o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a chanceler Angela Merkel; o Rei Juan Carlos; o cardeal Antonio María Rouco Varela e o banqueiro Emilio Botín.

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, animou este martes aos estudantes do campus sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a «devolverlles as maletas» os responsables «desa Troika que condena á emigración» aos mozos. «Porque nós non queremos emigrar, queremos poder estudar na nosa terra e traballar na nosa terra», defendeu.

A Unión Europea (UE) que «venden» como institución «de tanto progreso», criticou Mera, «obriga o Estado español a recortar na súa débeda, que causaron eles; e o Estado español, tan contento, sen rechistar, o que fai é aplicar eses recortes no ensino, en sanidade, en servizos públicos verdadeiramente importantes para unha sociedade».

Eses recortes «emanados da UE pero que o PP con tanta alegría aplica» levan consigo, segundo o responsable de Galiza Nova, diminución de bolsas e, en consecuencia, «que a xente nova non poida estudar». «Que teña que buscar un traballo para poder pagarse as altas matrículas. Pero, como non hai traballo, porque arruínan os nosos sectores produtivos, o que teñen que facer é emigrar, marchar como man de obra barata a Berlín, a Madrid, Londres,…», denunciou.
«DICIR ABONDA»

Mera incidiu en que a organización xuvenil do Bloque quere «dicir basta» e en que os mozos se»están a rebelar» e «non van aguantar máis as súas imposicións».

Así, apostou polo 25 de maio «rebelarse votando do único xeito que é posible conformar unha alternativa a esa UE e a ese Estado español tan corrupto, que é –segundo dixo– votando BNG, cunha alternativa nacionalista pensada para a xuventude e para conseguir un traballo digno na terra». «Porque solo dende o nacionalismo poderemos conseguir un futuro de prosperidade e liberdade», apostilou.

Segundo dixo, son «moitos» e «non son illados eses casos» de mozos na emigración. «Somos moitos os que xa non temos amigos porque están fóra», finalizou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar