A Xunta activa a implantación das caldeiras de biomasa

Gráfico do funcionamento dunha caldeira de biomasa.
Gráfico do funcionamento dunha caldeira de biomasa.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou hoxe a importancia da nova orde de axudas para a implantación de caldeiras de biomasa, que se publica mañá no DOG impulsando a instalación deste tipo de equipos que permiten aforros económicos de ata o 65%. A liña, promovida en colaboración polas Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar, está dirixida ao ámbito rural e conta cun investimento de 9,3 millóns para incrementar a demanda de equipos térmicos que empreguen a biomasa como combustible, obtendo importantes aforros económicos cun maior compromiso medio ambiental.

Neste sentido, tal e como recordou Bernardo Tahoces, a posta en marcha dunha caldeira de biomasa permite aforros económicos de ata un 65% con respecto a unha de gasóleo, e dun 45% con relación ao gas natural. Así, un equipo de biomasa diminúe en preto de 1.000 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasóleo, cifra que ascendería a case 13.000 euros no caso dun edificio do sector servizos que instale unha caldeira con capacidade de abastecer a súa demanda térmica, e aos 130.000 euros nunha industria.

 http://galicia24horas.es/wp-content/uploads/2014/05/Caldera-biomasa_esquema.jpg

 

A convocatoria, que está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), diríxese a concellos, administración pública, familias e industria do rural galego, achegando apoios que oscilan entre o 100% e o 75% do custo do proxecto, cun máximo de 200.000 euros. Grazas a este programa, apuntou Bernardo Tahoces, instalaranse 1.000 novos equipos na Comunidade, aspirando a incrementarse o consumo deste combustible nun 30% anual.

A publicación deste programa, destacou o director xeral de Enerxía e Minas, supón a primeira medida da Estratexia Integral de impulso da Biomasa con fins térmicos que está a promover a Xunta, e que aspira a reducir a dependencia enerxética da Comunidade aforrando 70 millóns anuais.

Impulso do emprego no rural
“Co desenvolvemento desta Estratexia queremos poñer en valor o monte galego, favorecendo unha xestión forestal que facilite o seu desenvolvemento económico”, subliñou Tahoces. Deste xeito, proseguiu, contribuirase á fixación de emprego no rural, coa correspodente mellora socieconómica; crearase unha industria xeradora de riqueza e profesionalización da xestión forestal; e obterase unha mellor xestión e rendemento dos monte, coa conseguinte diminución no risco de incendios.

Así, a Estratexia contempla o desenvolvemento de iniciativas de district heating que promoverán a construción de centrais de produción de calor para distribuír a enerxía xerada con biomasa entre varios edificios dunha mesma zona. En colaboración coa Secretaría de Estado de Enerxía, fomentaranse ditas instalacións de redes de subministro de enerxía térmica nos concellos galegos ao tempo que se levará a cabo un proxecto demostrativo no complexo de San Caetano instalando unha rede que cubra a demanda dos seus edificios.

Unha aposta que se acompañará desde o Igape, dotando dunha maior intensidade de apoio aos proxectos que introduzan a biomasa como actividade preferente; e desde a Axencia Galega de Innovación, prestando especial atención aos proxectos innovadores cando estean destinados á mellora tecnolóxica empresarial do sector forestal.

Co desenvolvemento desta estratexia, Galicia activará unha industria asociada á valorización enerxética da biomasa que impulsará o seu consumo con fins térmicos e xerará máis de 1.000 postos de traballo, tanto na transformación e distribución, como na instalación de caldeiras. Neste contexto, e de cara a acadar a maior repercusión posible, impulsaranse iniciativas de sensibilización e difusión de coñecementos técnicos e boas prácticas entre os consumidores e outros axentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar