Deputación e Universidade desenvolverán actividades no Campus de Ourense

Salustiano Mato_rector Vigo_Baltar_Virxilio Rodríguez vicerector Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no seu despacho do Pazo Provincial ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e ao vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, con quen mantivo unha reunión de traballo para afondar en temas referidos á colaboración entre ámbalas dúas institucións. Este é o primeiro encontro que mantén o presidente provincial co reitor trala súa elección no seu segundo mandato á fronte da institución académica e tamén do vicerreitor, quen ven de tomar posesión do seu cargo recentemente.

Entre os asuntos tratados figurou a sinatura do convenio de colaboración que anualmente asinan Deputación de Ourense e Universidade de Vigo para o desenvolvemento de programas e actividades de difusión cultural, investigación, educación e deportes no Campus de Ourense. O convenio, que será asinado o vindeiro mes de xuño, é, segundo manifestou Manuel Baltar “unha aposta firme pola potenciación do Campus de Ourense co que estamos a cooperar para contribuír ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos xóvenes universitarios”.

Outro dos temas abordados foi a colaboración no ámbito termal. Neste senso, Baltar convidou á Universidade de Vigo para que, unha vez asinado o convenio entre a Deputación de Ourense e a Xunta para a execución do Plan Termal, a institución académica forme parte do Consello Termal Ourensán, convite que foi aceptado polo reitor dado que o Campus de Ourense está a traballar xa no denominado “Campus da Auga”, unha aposta clara pola especialización do noso campus neste importante sector estratéxico para a provincia de Ourense.

Asemade, destaca da reunión o convite que o presidente da Deputación de Ourense lle fixo a Salustiano Mato para que a Universidade de Vigo designe ao profesor que formará parte do Comité de Ética que velará polo cumprimento do Código Ético da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar considera que a colaboración “é básica nun escenario como o actual de cooperación entre as dúas institucións”, algo que este ano xa se verá reflectido na presentación a finais do presente mes de maio dos Curso de Verán 2014 que organiza a Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar