A Real Banda de Gaitas viaxa a Rusia acompañada por Alonso Montero

Real Banda de Gaitas

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, acompañará á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense na súa viaxe a Rusia, onde a formación desenvolverá un amplo programa de concertos e actividades, organizadas conxuntamente pola embaixada de España en Moscova, o concello da capital, a Universidade de San Petesburgo e o Museo Hermitage.

A primeira das actividades da Real Banda será unha mostra na Praza Roxa que terá lugar o día 17 de maio, seguindo cun concerto no Museo Estatal de Cerámica, dentro dos concertos programados con motivo das xornadas do Patrimonio Histórico e Cultural de Moscova.

O día 18, a Real Banda ofrecerá na embaixada Española en Moscova un concerto en honor aos Nenos da Guerra, acto no que se lles fará entrega da Medalla da Real Banda de Gaitas. Nun acto posterior terá lugar a presentación a importadores rusos e á colonia española dunha mostra e degustación de viños con denominación de orixe do Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, así como de produtos de alimentación de alta calidade de empresas ourensás.

O día 19 terá lugar o concerto das Letras Galegas na Universidade Estatal de San Petesburgo, no que se renderá homenaxe á profesora rusa Elena Zernova, directora do Centro de Estudos Galegos desa universidade e tradutora de libros galegos ao ruso. Neste acto, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciará unha conferencia, trala cal, a Real Banda pechará o acto coa interpretación do Himno Galego.

A Real Banda rematará a actividade en Rusia cun concerto no Museo Hermitage, diante do famoso cadro do “Afiador”, do pintor ourensán Antonio Puga. Para os concertos en Rusia a Real Banda seleccionou os temas máis clásicos da música galega que van dende Cantigas de Ourense, Alborada de Veiga ata a Katiusha, tema tradicional ruso que será cantado en galego alternado con ruso como símbolo de amizade entre ambos pobos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar