Pai e fillo unidos pola escultura en ‘Acisclos’

Presentación exposición ACISCLOS

Pai e fillo unidos pola escultura, a arte e a creatividade. Así podería definirse a exposición inaugurada no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, da man dos escultores Acisclo Manzano e Acisclo Novo, un percorrido pola “poesía” e a “narrativa” da escultura en barro e madeira, que estes dous creadores ourensáns propoñen o público.

A presentación da exposición tivo lugar previamente neste mesmo espazo expositivo coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; ámbolos dous escultores; o director do Centro Cultural, Francisco González, e o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández.

Un cento de pezas dos dous escultores repártense en dúas salas do Centro Cultural para amosar “o pensamento da escultura transformado en poesía de barro e madeira”, segundo dixo Acisclo Manzano, nesa conversa intimista que mantén coa súa obra e da que non adoita a facer exposicións. Todo o contrario que o seu fillo, Acisclo Novo, que se amosou un entusiasta “de abrir as portas do meu taller para que se vexa a crónica da miña labor escultórica; gústame que a xente me vexa traballar e que perciba os problemas que concita a escultura, á vez que transmitir ideas e sentimentos por medio da miña obra”.

Rosendo Fernández explicou que con esta mostra “o Centro Cultural énchese de escultura con maiúsculas, porque temos a oportunidade de gozar coa obra de pai e fillo, todo sentimento eles, que volcan o seu talento dando forma o barro e á madeira”.

Francisco González explicou se trata dunha exposición na que se amosan dúas xeracións de escultores, “dúas maneiras de interpretar o sentimento e a arte que non é outra cousa que dúas formas fermosísimas de ver a escultura”.

Finalmente, César Fernández convidou a todos os ourensáns e visitantes a achegarse a esta mostra e amosou o apoio que a institución provincial segue a darlle á nosa cultura e a creación en xeral, “con exposición como esta que non deixará indiferente a ninguén”.

A mostra estará aberta ata o 29 de xuño e proximamente publicarase o catálogo da exposición así como un vídeo documental sobre os 50 anos de Acisclo Manzano como escultor, película que recolle a traxectoria e experiencia vital do creador ourensán coincidindo co seu 74 aniversario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar