Letras Galegas: presentado o libro «Latexos e lembranzas de Parada do Sil»

Baltar_presentación Latexos Parada do Sil

O Concello de Parada de Sil homenaxeou, con motivo das Letras Galegas 2014 ao escritor José Elías Ferreiro Álvarez «Xoel Ferral», nun acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no que se presentou a obra Latexos e lembrazas de Parada de Sil. A xornada, que se desenvolveu na Casa Consistorial de Parada de Sil contou asimesmo coas intervencións do alcalde, Francisco Magide, e do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e coa actuación da Coral Vellos Amigos.

Trala presentación do libro por parte de Antonio Carreño, profesor da Brown University, tivo lugar a entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil e descubriuse unha placa na casa do escritor homenaxeado.

Na súa intervención, Manuel Baltar dixo que con motivo da celebración do Día das Letras Galegas a Deputación de Ourense colabora na publicación do libro Latexos e lembranzas de Parada de Sil, de Xoel Ferral, «que é unha selección de textos poéticos da obra Latexos e o conto A terra do Alarbio, textos que destacan polo seu indubidable interese etnográfico, que transmiten de xeito ameno os recordos das horas transcorridas na aldea natal e os distintos aspectos da vida cotiá da Ribeira Sacra».

Baltar destacou a «sinxeleza coa que Xoel Ferral escribe os seus poemas, un selo de identidade dun autor que recrea as formas de vida de Parada de Sil e da Ribeira Sacra amosando a morriña dun emigrante». O presidente da Deputación lembrou que esta obra «está de plena actualidade», «xa que dende o goberno provincial estamos a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para declarala Patrimonio da Humanidade, dadas as singularidades morfolóxicas, climáticas, paisaxísticas, históricas e económicas que a converten nun lugar único, do que Xoel Ferral deu conta cos seus poemas hai xa máis de noventa anos».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar