Suben un 5% os usuarios de transporte urbano

Autobus Santiago

O número de usuarios de autobús urbano superou en marzo os cinco millóns de viaxeiros e, con respecto ao mesmo mes do pasado ano, aumentou nun 4,7%.

No que vai de ano, a cifra de persoas que empregou este medio aumentou, de media, un 1%, de acordo cos datos difundidos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta tendencia ratifica a de febreiro, en que os pasaxeiros aumentaran ata os 4,8 millóns de pasaxeiros en Galicia, cun incremento do 2,2% en relación a ese mesmo mes de 2013.

Concretamente, no mes de marzo, Galicia rexistrou 5.047.000 usuarios de autobús urbano, un incremento do 4,7%. De feito, o número de viaxeiros neste tipo de transporte aumentou en todas as comunidades autónomas, agás Castilla-La Mancha, en que baixou un 1,5%; mentres que as maiores subas tiveron lugar en Región de Murcia (18,8%) e na Comunidad de Madrid (14,2%).

PREFERENCIA POLO AVIÓN

No cómputo xeral, o número de viaxeiros que optaron polo avión para os seus desprazamentos polo interior do país caeu un 1,9% en marzo respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que os que optaron por viaxar en AVE aumentaron un 9,2%.

Así, máis de 2,2 millóns de usuarios usaron o transporte aéreo neste mes (-1,9%), mentres que 2,3 millóns (+9,2%) escolleron o tren de Longa Distancia (inclúe o AVE) para os seus desprazamentos.

Os pasaxeiros que utilizaron o ferrocarril decreceron un 1,7%, superando os 49 millóns de pasaxeiros, debido ao descenso de viaxeiros en Proximidades (-1,8%) e Media Distancia (-8,3%).

Pola súa parte o transporte por autobús aumentou un 5,7%, mentres que o marítimo descendeu un 14,4% durante o pasado mes de marzo.

En total, o número de viaxeiros que utilizaron o transporte público (urbano, interurbano, especial e discrecional) foi de 401 millóns no terceiro mes do ano, o que supuxo un 5,8% máis que en marzo de 2013.

Dende o organismo estatístico destacan que, para a correcta interpretación das taxas do mes de marzo, se debe ter en conta que en 2013 a Semana Santa se celebrou no mes de marzo, e este ano 2014 se celebrou no mes de abril.

CRECE  O TRANSPORTE URBANO

O transporte urbano aumentou un 8,4% e foi utilizado por máis de 246,3 millóns de viaxeiros o pasado mes de marzo, mentres que o transporte interurbano se elevou un 1,9%, alcanzando os 108 millóns de viaxeiros.

Dentro do urbano, o metropolitano aumentou un 8,8%, e o transporte por autobús subiu un 8,1%. O metro aumentou en todas as cidades, agás en Palma e Sevilla, onde retrocede un 0,3% e un 8,5%, respectivamente.

Os datos do organismo estatístico mostran que máis de 46,5 millóns de usuarios utilizaron o transporte especial e discrecional en marzo, o que supón un aumento do 2%.

Así, o número de pasaxeiros de transporte especial aumentou un 2,1% en marzo, con máis de 33,6 millóns de usuarios –dentro deste, o escolar sobe un 3,3% e o laboral que descende un 1,5%–, mentres que o transporte discrecional aumenta un 1,8% respecto ao mesmo mes de 2013, con máis de 12,9 millóns de viaxeiros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar