O 30 cabodano da destitución de Carlos Mella

Se non che sacan a memoria non logran someterte. Así que, para non verme en calzas pretas, indilguei de novo no meu libro Eu estaba alí e enderguei que veñen de cumprirse 30 anos do cesamento de Carlos Mella (AP) como vicepresidente da Xunta.

A semana anterior ao cese, nun áspero debate no Consello de Goberno sobre a política económica, o presidente Fernández Albor, apoiando a Carlos Mella fronte a Barreiro Rivas, sentenciara: «O que non estea de acordo, que marche».

Pero esa mesma semana veu Fraga Iribarne a Galiza e todo mudou. Dixo que a política que pretendía seguir Carlos Mella estaba abertamente en contra dos «Pactos de Goberno» que asinara el mesmo con Felipe González ante Juan Carlos I. Un pacto apoiado pola Internacional Conservadora e pola Internacional Socialista. Tratábase de «preparar a economía estatal para entrar no Mercado Común Europeo». O Goberno autonómico de Fernández Albor, comandado por Carlos Mella, opoñíase. Significaba o recorte dos postos de traballo en Astano e Ascón, o desmantelamento da frota pesqueira e coutar o desenvolvemento do sector lácteo.

Carlos Mella e o conselleiro Carlos de la Fuente estaban a negociar o salvamento da construción naval dándolle entrada a multinacionais no capital das empresas. Pero nin así. Había que «reconverter», pechar. O vicepresidente Mella viña de publicar o Libro Branco do Mantenemento e Desenvolvemento da Capacidade Industrial de Galicia. Tratábase da contestación da Xunta ao Libro Branco da Reindustrialización, presentado polo goberno de Felipe González o verán anterior.

Na introdución da proposta galega afírmanse dúas cuestións que, andando o tempo, se ollaron como evidentes: «…que non se ofrecen máis alternativas que o desmantelamento dalgúns dos nosos sectores básicos, sen que se albisque a máis mínima compensación ao esforzo que se nos pide»; que Galiza «foi o motor do desenvolvemento español, polo esforzo dos emigrantes, das riquezas das materias primas e dos seus excedentes enerxéticos, polo que non aceptamos, nin podemos aceptar, alternativas baseadas na desertización industrial de Galiza».

Pero PSOE desde Madrid, AP desde Galiza, con Barreiro Rivas de executor, co inestimable apoio do sindicalismo de obediencia española, impuxeron, vía decreto e represión policial, a «eutanasia industrial de Galiza», como cualificaba Carlos Mella a política ditada desde Bruxelas e executada en comandita polos dous gobernos. Mella foi cesado.

Mentres tanto, o pobo berraba na rúa: «Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego»! O esquecemento ten moita memoria.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de «El Correo Gallego»

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar