A tradicional Feira de Silleda incluirá desde este ano un certame das festas de interese turístico

Semana Verde Silleda A Feira Internacional de Galicia celebrará do 12 ao 15 de xuño FESTUR 2014, un novo certame que estará protagonizado polas festas de interese turístico e que terá lugar de forma paralela á 37ª Semana Verde de Galicia.

Esta I Feira de Festas de Interese Turístico, que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, está concibida como un escaparate da gran oferta de celebracións con esta distinción que existen na comunidade galega, converténdose en espazo de encontro entres estas citas festivas e o público interesado no seu coñecemento e desfrute.

FESTUR 2014 contará cunha área expositiva na que os organizadores destas festas destacadas pola súa antigüidade, arraigo popular e orixinalidade informará aos visitantes sobre as mesmas e lles explicarán as súas peculiaridades e atractivos.

Á exposición unirase unha zona de gran vistosidade na que terán lugar de forma continuada actividades das festas participantes, as cales realizarán exhibicións, representacións, mostras ou degustacións en función do seu carácter cultural ou gastronómico.

Ampliación do calendario de eventos

Este novo certame forma parte da aposta da dirección da Fundación Semana Verde de Galicia por incrementar a actividade no seu recinto e ampliar o calendario tanto feiral como non feiral, tal e como xa se fixo coa posta en marcha da I Feira de Caza, Pesca e Natureza (FECAP 2014), e como se seguirá a facer neste ano 2014 tanto con eventos centrados na cultura e no motor como con proxectos permanentes de hípica e turismo activo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar