Miranda, convencida de que «non hai nada máis inútil que votar ao PP»

A cabeza de lista do BNG nas eleccións europeas, Ana Miranda, avisou de que «non hai nada máis inútil que votar ao PP» e reclamou o voto para o Bloque, co fin de «dicir non ás políticas desta Europa inhumana».
«É a oportunidade de dicir ¡abonda xa!, de parar a troika, de parar a política de recortes e aos secuaces políticas que as executan. É a oportunidade de votar por Galicia, de votar por nós, de rebelarnos, de que saiban que existimos, que Galicia existe e que loita polo seu futuro. E a mellor forma , é votando ao BNG, o equipo de casa», proclamou Ana Miranda.
Con motivo da súa participación nun mitin en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Ana Miranda advertiu: «Cando escoito estes impostores falar do voto útil aos grandes partidos, dígolles ben alto e ben claro ‘Non hai nada máis inútil para Galicia que votar ao PP».
«Sábeno ben as mariscadoras de Carril e Vilaxoán, sábeo ben o sector mexilloneiro, sábeno ben os mariñeiros do cerco e da pesca de baixura, sábeno ben as redeiras que traballan por menos do salario mínimo, sábeno ben os viticultores que apostan por unha denominación de orixe de calidade fronte aos viños de granel», describiu, segundo recolle nun comunicado.
Pola súa parte o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, manifestou o seu «estupor» pola «submisión de Feijóo instando os galegos a votar como españois nunhas eleccións nas que xogamos o futuro». «Parece que para o presidente da Xunta o grao de desprezo a este país, ao que debería defender, non ten límites», manifestou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar