Loita aberta contra a lacra social da violencia de xénero

Abella A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, participaron esta mañá na inauguración das XII Xornadas de sensibilización sobre a interculturalidade, nas que destacou “a importancia de impulsar a prevención e a detección precoz de situacións xeradoras de violencia de xénero en todas as súas formas e ámbitos”.

As xornadas están organizadas polo ONG Ecos do Sur, destinada á integración das persoas migrantes e á cooperación internacional, e este ano levan por título: “Prevención-acción ante distintos tipos de violencia”. Ademais de López Abella, tamén participaron no acto a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo.

No seu discurso, a titular da Igualdade na Xunta manifestou que a eliminación da violencia contra a muller é un reto de toda a sociedade e que esta tarefa conxunta require unha actuación unitaria “e a máxima coordinación, colaboración e cooperación”. A violencia de xénero é un problema público e social de primeira magnitude que desde o ano 2000 ten ocasionado a morte de máis de 900 mulleres, 47 delas galegas.

Por iso, o compromiso da Xunta é articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo; así como fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución desta lacra social ata a súa erradicación.

López Abella explicou que o Goberno galego ten a disposición das mulleres que sofren maltrato tanto axudas, como servizos e recursos para que poidan “romper o seu silencio e dar o paso para saír da morte en vida na que viven cando son vítimas da violencia machista”.

Neste sentido, o DOG publicou nos meses de marzo e abril as convocatorias das axudas económicas para mulleres vítimas da violencia de xénero, cun orzamento de 2,3 millóns de euros; e onte mesmo publicáronse as subvencións para entidades locais en materia de igualdade, conciliación e de prevención e eliminación da violencia de xénero; para as que se destinan outros 3,4 millóns.

Por último, a secretaria xeral lembrou que na procura desa resposta global fronte á violencia de xénero, este mesmo luns 5 de maio constituíuse o Observatorio Galego da Violencia de xénero. Este organismo está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e conta con representación das consellerías, delegación do Goberno, Poder Xudicial, Fegamp, sindicatos, CEG, Televisión de Galicia e asociacións de mulleres.

Mediación no ámbito familiar
Pola súa banda, a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, destacou que, no ámbito familiar, “a mediación é un instrumento válido, rápido, económico e eficaz para atopar saída aos conflitos que se presentan”.

Explicou que se trata dun procedemento de carácter voluntario dirixido a facilitar a comunicación entre as partes co fin de que xestionen por si mesmas unha solución ao conflito que se presenta, coa intervención dunha persoa mediadora que actúa de xeito neutral, imparcial e confidencial.

No ano 2009 a Xunta de Galicia puxo en marcha, de xeito experimental, un programa de mediación intraxudicial na cidade de Santiago de Compostela, que se ampliou o ano seguinte á cidade de Ourense.

A mediación tamén pode instarse fóra do ámbito xudicial. Para tal fin, existe desde hai máis de dez anos un procedemento regulado no que actualmente están inscritas 437 persoas.

Por último, Amparo González indicou que para a Consellería de Traballo e Benestar “continuará sendo unha prioridade a promoción e implantación de accións destinadas a evitar actuar calquera tipo de violencia no seo familiar e a inclusión social de todas as persoas en situación ou risco de exclusión social”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar