«Distintas miradas», exposición fotográfica no Centro Cultural de Ourense

Exposición fotográfica Deputación Ourense Distintas Miradas_Rosendo Fernández

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación da exposición fotográfica «Distintas miradas», promovida pola Asociación fotográfica «O Potiños» do Carballiño. O acto contou coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o presidente da asociación, Manuel Blanco; o director do Centro Cultural, Francisco González, e o asesor cultural da Deputación, César Fernández.

A mostra presenta un total de 16 traballos de creadores carballiñeses, membros da Asociación «O Potiños», cunha temática diferente en cada un deles, se ben todos teñen o denominador común do soporte: fotografía sobre lenzo.

Rosendo Fernández dixo que a fotografía nos ofrece «múltiples perspectivas para ollar a vida e a arte, porque cada instantánea reflicte unha emoción e un sentimento». Pola súa banda, Manuel Blanco explicou que o colectivo «O Potiños» estase a converter nun punto de encontro de diferentes inquietudes culturais na vila carballiñesa «da man de moita xente nova que contribúe a dinamizar a nos actividade, sinaladamente no eido da fotografía». Referíndose á mostra, que se exhibirá durante un mes no Centro Cultural, Francisco González explicou que a fotografía «é esa canle que contribúe a atraer o público os centros artísticos, unha maneira máis de que a sociedade se achegue a eles, pois sempre chama moito a atención calquera exposición fotográfica». E finalmente, César Fernández explicou que a mostra, como di o seu nome: «Distintas miradas», «ofrece o espectador un enfoque diferente, capaz de transformar a realidade nunha obra de arte».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar