Beiras chama «moralmente delincuentes» a Feijóo «e compañeiros» por cuestionar a EPA

Beiras_micros_interior

O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, acusou de «moralmente delincuentes» ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, «e compañeiros» por cuestionar os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), segundo os cales Galicia rematou marzo con 16.000 parados máis fronte aos do Inem, que cifran en 6.319 persoas o descenso de parados.

En rolda de prensa, con motivo da súa participación nos ‘Almorzos On/off’ da demarcación coruñesa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Beiras defendeu a EPA como o dato a ter en conta «dende o punto de vista técnico» e preguntouse «como se pode facer caso a dirixentes do Goberno que menten con desfachatez ante a Cámara».

«Podemos crelos algo», preguntouse o voceiro de AGE, quen cualificou de «monstruosa a situación», en alusión ao número de desempregados. Así, invitou aos dirixentes do PP a «preocuparse menos dos datos do paro e observar máis o que acontece arredor», subliñou citando como exemplos o peche de comercios.
«CRIME SOCIAL»

Ademais, cualificou de «indecencia» que o presidente da Xunta e dirixentes do PP digan que os datos da EPA «non son correctos». «É un crime social», dixo tamén Beiras, para quen os que terían que estar no paro «son eles».

Por outra banda, o voceiro de AGE invitou á cidadanía a «autoorganizarse» e a promover a «desobediencia cívica», apostilou citando como exemplo «non pagar os recibos da enerxía eléctrica».
O PRESIDENTE DA CEG, «UN VENDIDO»

Mentres, preguntado polas declaracións do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, nas que afirmou que os sindicatos «se equivocan» cando formulan un emprego de «calidade», asegurou que é «un analfabeto funcional e un vendido».

Ao fío diso, subliñou que «unha forza traballadora non cualificada está condenada á extinción» e que «todo empresario ilustrado sabe» que os seus traballadores son «unha base produtiva da economía».

«Ou é un estúpido ou sabe que está a mentir», sinalou Beiras, para quen estes integrantes da CEG son «funcionarios dunha organización que non representa nin sequera ao empresariado», apuntou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar