A Xunta mellora 4 décimas a previsión de crecemento deste ano

Elena Muñoz Fronteríz_conselleira FAcenda_Parlamento_tribuna

A Xunta de Galicia mellorou catro décimas a súa previsión de crecemento para a economía galega o presente exercicio, ata o 1,2% do produto interior bruto (PIB), a teor das revisións realizadas por organismos nacionais e internacionais.

Así anunciouno este martes no pleno do Parlamento a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, quen valorou que na comunidade, ademais, «se está a crear emprego por primeira vez dende que comezou a crise», de acordo coas cifras publicadas esta mesma xornada polo Ministerio de Empleo, relativas ao paro rexistrado e á afiliación á Seguridade Social.

Neste sentido, esperou que «os bos datos» no mercado laboral teñan «continuidade» para Galicia, pois «este ano ten que servir para consolidar» a situación «unha vez alcanzada a estabilización das contas».

E é que, de feito, Muñoz se expresou desta forma nunha comparecencia a petición propia para expoñer os resultados do obxectivo de estabilidade presupostaria de 2013, que a Comunidade galega cumpriu ao pechar nun 1,1%, xa que o tope estaba marcado no 1,2%.

Ao respecto do límite para 2014, do 1%, Muñoz augurou que, grazas «ao traballo realizado» polo Goberno autonómico, non serán necesarios «maiores axustes» para volver cinguirse ao obxectivo de déficit. O «reto agora», aseverou, é «poder manter ese comportamento», que enmarcou no «inicio da recuperación económica».

Así as cousas, coa revisión da previsión de crecemento por parte do Instituto Galego de Estatística (IGE), Galicia sitúase por enriba da estimación que a titular de Facenda cualificou «de consenso» para o Estado español, no 1,1%.
«NO BO CAMIÑO»

Neste sentido, resaltou que as incluídas inicialmente nos presupostos galegos para este ano eran «moi prudentes» e nos últimos meses «se constatou unha mellora das previsións de España e de Galicia».

«Estamos no bo camiño», proclamou a responsable galega en materia de facenda, que fixo referencia a indicadores dos primeiros meses do ano nos ámbitos laboral, industrial –en concreto, citou o caso do naval e da automoción–, de comercio exterior e servizos, entre outros.

Así mesmo, na súa primeira intervención, Elena Muñoz reivindicou manter a «autonomía financeira» ao non recorrer aos mecanismos dispostos polo Goberno central.

Tamén chamou a atención sobre que «se primou o gasto social», cunha execución do gasto non financeiro que fixou no 100,3% en 2013 e do 101,2% no presuposto de ingresos.
«PROPAGANDA» E AUMENTO DA DÉBEDA

Pola súa banda, os voceiros dos grupos da oposición –PSdeG, AGE e BNG– mostráronse críticos co discurso da conselleira de Facenda, ao acusala de facer «propaganda» e de reducir a análise da evolución da economía a un exercicio «contable».

«Tamén gobernamos para as persoas e para a mellora da situación das persoas que peor estano a pasar. Por iso estamos a apostar polo gasto social», replicou Muñoz. «Para que a recuperación se note nas familias e nas persoas, primeiro teñen que cambiar os datos macroeconómicos», engadiu xa no peche.

Outro reproche común que lle fixo a oposición durante o debate foi o relativo ao incremento do endebedamento, ao que a responsable de Facenda respondeu con que «é necesario» nun momento de «baixada dos ingresos públicos que hai que compensar», pero destacou que está «ben empregado en infraestruturas sociais».
CRÍTICAS OPOSICIÓN E VALORACIÓN DO PP

«A recuperación, por desgracia, está moi lonxe, a pesar da propaganda oficial», recriminou o deputado socialista Juan Carlos González Santín, quen afirmou que «cumprir o déficit a base de recortes é doado», pero «o difícil é» facelo «sen sacrificar as políticas aos máis desfavorecidos».

Por parte de Alternativa, Antón Sánchez ironizou con que a titular de Facenda «case demostra que é posible que os números vaian ben e vaia mal a vida das persoas», antes de censurar que acudise á Cámara «a falar» da recuperación cando «a xente está a sufrir».

Dende as filas do BNG, o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, responsabilizou os populares de estar a «conducir ao rigor mortis este país», pola súa xestión á fronte da Xunta de Galicia.

Mentres, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, valorou que a conselleira fose «extremadamente prudente» e a súa «prudente» xestión, «cumprindo as regras» as que se somete o conxunto do Estado, por exemplo, en relación ao déficit público.

Nesta liña, leu titulares de prensa para afirmar que o país se»está a desapancar» e no comezo da «recuperación». «O que ansiabamos e anhelabamos», subliñou.
«TRABALLANDO PARA REDUCIR O DESEMPREGO»

Na súa quenda de réplica, a conselleira de Facenda asegurou que a Xunta traballa «dende o primeiro momento» para reducir o desemprego, «como primeiro obxectivo para esta lexislatura». «Seguiremos traballando», apostilou, antes de sentenciar: «Cambiando a tendencia que vostedes nos deixaron, iso é o que estamos a facer».

Xa no peche, Elena Muñoz fixo fincapé na necesidade de «control» das contas públicas e garantiu tamén, ante as advertencias da oposición de que «o problema está no lado dos ingresos e non no dos gastos», que considera a loita contra a fraude fiscal como «unha das vías máis importantes» para mellorar os ingresos das administracións públicas.

Sobre financiamento autonómico, tamén ao final da súa comparecencia, dixo que Galicia mantén que o novo sistema «pivote» sobre o custo de prestación dos servizos públicos, tendo en conta non unicamente a variable da poboación senón outras características como a dispersión e o envellecemento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar