A Xunta e o poder xudicial fan fronte á violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá a constitución do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, onde destacou que a resposta fronte á violencia machista debe abordarse desde unha perspectiva integral.

O Observatorio é un órgano previsto na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e encargarase do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra esta lacra que se desenvolvan en Galicia.

Rueda destacou que se trata dun órgano no que se traballará cóbado con cóbado en contra a violencia de xénero e desde todos os ámbitos. Así, están representados nel as consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, sindicatos e Televisión de Galicia, entre outros.

Un dos eixos fundamentais do traballo do Observatorio será a prevención de todo tipo de violencia machista. Por iso terá entre as súas encomendas analizar as medias que se están a levar a cabo na materia, propoñer iniciativas para mellorar a situación, reforzar a cooperación entre administracións e vixiar e denunciar que non haxa discriminación sexual na publicidade.

Precisamente, tamén se creou hoxe no seo do Observatorio unha Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, que velará pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicidades e pola incorporación de accións positivas que contribúan, desde un ámbito tan importante como a publicidade, a erradicar todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.

Catro vítimas en 2014

Ao inicio do acto, o vicepresidente Rueda quixo amosar novamente a repulsa de todo o Goberno e a sociedade galega polos casos de violencia de xénero con resultado de morte, o último deles hai a penas unha semana, o cuarto en Galicia desde que comezou o ano.

Rueda condenou os feitos e mostrou o apoio incondicional ás familias das falecidas; ao tempo que asegurou que a Xunta seguirá a traballar para combater a violencia de xénero. Un traballo para o que se necesita o apoio e o compromiso de toda a sociedade e do que o Observatorio que hoxe se pon en marcha será un bo exemplo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar